09-04-25: Taller de Fotografía Nocturna

Junio 3rd, 2009

O lugar de encontro elixido para este novo curso de fotografía nocturna de uso das hiperfocais foi a cafetería Praia Clube de Riazor, no paseo marítimo de A Coruña as 18 h.

Na cafetería, durante uns cafés tivemos oportunidade de coñecer os novos socios e manter unha breve charla de presentación. Os profesores repartiron a cada socio as táboas de equivalencias hiperfocais para cada modelo de cámara e lente utilizada.

A mesma praia de Riazor e o seu paseo foron o escenario ideal para recibir as  completas explicacións teóricas dos profesores, Jose Gutiérrez e Julio Beceiro, dous pesos pesados neste tipo de fotografía dentro da Asociación.

Durante as explicacións non faltaron preguntas sobre os temas tratados… ruído no sensor, relación lente-sensor, distancias hiperfocais… As dúbidas quedaron resoltas.

A única asitente ó curso que non estaba invitada foi a choiva, que nos obrigou a escapar a cuberto, pero por sorte deixou de chover e puidemos facer unhas primeiras fotos na fonte dedicada aos surfeiros.

Chegada a hora de cenar, e pasada unha hora cun par de cafés e cando a choiva nos volveu dar permiso, nos diriximos a unha fonte emprazada no paseo, pero esta vez ca noite ben entrada, puidemos aplicar toda a teoría aprendida a pé de campo.

Cinta métrica, lanternas e trípodes e a correcta aplicación do aprendido tiveron como froito a obtención de perfectas imaxes nocturnas desta fonte, conceptos que unha vez dominados serán de grande utilidade para aplicar en infinidade de ocasións polos socios.

Por último, nos diriximos a un extremo do paseo da praia, elevado sobre o mar con vistas a Riazor e a fermosa cidade de A Coruña, que era o sitio perfecto para montar os trípodes e facer unhas fotos de paisaxe nocturno.

Xa ben tarde, recollemos o material e só agardaba despedirse, non sen antes facer a foto de grupo do encontro e emprazarnos para a próxima ocasión que esperamos sexa pronto.

curso-coruna-1

Moitas gracias os profesores Jose Gutierrez e Julio Beceiro por este magnifico curso e moitas gracias tamén os asistentes, a todos, menos a choiva.

Por Roberto de la Torre.

09-03-14: Fervenzas de A Fonsagrada

Abril 26th, 2009

O pasado día 14 de marzo, xuntámonos 30 persoas (entre socios e simpatizantes) para facer unha pequena visita o municipio de A Fonsagrada, segundo a convocatoria do encontro fotográfico programado pola nosa Asociación.

 

Nesta ocasión, contactamos có Concello de A Fonsagrada, que moi xentilmente facilitounos membros do seu equipo de goberno para que nos fixeran de guías durante a nosa actividade. Así pois, froito desta colaboración, ás 10:00 da mañá agardábannos ás portas do Hotel Fonte Sacra: Geli, a responsable do departamento sociocultural, e Oscar, o tenente de alcalde.

 

Dende alí partimos, dunha forma organizada có menor número de automóbiles posible, cara o Miradoiro de Arexo, dende onde se ten unha extraordinaria vista do serpenteo do río Navia ós pés das empinadas ladeiras das montañas que o rodean. Trátase da cola do encoro de Grandas de Salime.

 

grupo-fonsagrada

 

Continuamos a nosa ruta cara a aldea asturiana de Río de Porcos, tendo que cruzar con anterioridade unha estreita, curiosa e longa ponte colgante de madeira, que une os termos municipais de Fonsagrada e San Antolín de Ibias. Por esta zona aínda pódense atopar vestixios dun antigo camiño da República.

 

Regresamos pola mesma estrada á aldea abandonada  de A Fornaza, onde puidemos fotografar antigos fornos de fundición férrea, así como a Capela de Santa María, de singular beleza polo entorno no que se atopa.

 

Non moi lonxe de alí, agardábanos xa unha deliciosa tortilla de patacas e un saboroso churrasco na acolledora praia fluvial da Naraxa: unha área recreativa coñecida como a Pena do Inferno, debido as altas temperaturas que se acadan no verán.

Neste intre, os nosos guías volveron mostrar a súa extraordinaria amabilidade, servindo a comida os membros da nosa Asociación.

 

Despois dun breve descanso, dirixímonos a Seimeira de Vilagocende que, con case 50 metros de caída, é unha das máis grandes e belas fervenzas da nosa Comunidade. De seguido e xa para finaliza-lo día, visitamos as Seimeiras de Queixoiro, non tan espectaculares como a primeira, pero quizais máis atractivas para ás nosas cámaras, xa que as rodea unha vexetación moito máis frondosa.

 

Dende aquí queremos agradecer unha vez máis o esforzo e o tempo dedicado polos nosos compañeiros Geli e Oscar, que amosaron unha gran paciencia e hospitalidade.

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de A Fonsagrada e as súas fervenzas aquí http://www.phosgalicia.org/node/17 e tamén está pendente a realización dunha exposición na Casa da Cultura do Concello.

09-02-22: Entroido en Laza e Verín

Marzo 16th, 2009

En primeiro lugar queremos agradecer a tódolos asistentes, tanto socios como simpatizantes, a súa puntualidade, xa que por mor das distintas colaboracións que fixemos coas Asociacións do entroido, foi necesario establecer o punto de encontro ás 08:30 da mañá en Xinzo da Limia.

 

Dende alí partiu o primeiro grupo cara Laza, onde o Presidente da Asociación de Peliqueiros, o Sr. Miró, agardaba cun grupo de xente para facer unha reportaxe da figura máis representativa do entroido deste pobo: O Peliqueiro.

 

Sobre as 09:00 recibíronnos moi ben nunha casa, con certa vergoña, aínda que normal ao vérense rodeados de tantas cámaras de fotos. Foron chegando entón os homes que se vestirían de Peliqueiros, nos que notábase nalgún deles o exceso da noite anterior, xa que en tempo de entroido a festa é importante. Pero as tradicións tamén o son, e pouco a pouco fóronse vestindo as medias, o calzón, o faxín, a chaqueta, as chocas (cencerros) e a máscara. Poñerse o traxe de Peliqueiro require axuda, parecido ao acto de vestirse dun toureiro, podendo levar ben unha hora.

 

Unha vez rematado o reportaxe dirixímonos á Praza da Picota onde puidemos fotografar a “estrea do Peliqueiro”, que non é outra cousa que as primeiras carreiras que fan.

 

A figura do peliqueiro no entroido é case divina, é quen manda, quen dirixe e ninguén pode poñerse no seu camiño, xa que quen o faga corre o risco de levar un azoute cunha especie de látego que levan, chamado zamarra.

 

Despois de varias carreiras, os Peliqueiros, xa en formación, desfilaron rúa abaixo para recibir e escoltar ó carro da Bica. O reparto da bica ten moita tradición: a bica é unha sobremesa doce similar a un pastel, vai nun carro tirado por vacas e, subidas nel, as rapazas do pobo que serán as encargadas de repartila, mentres que os peliqueiros son os encargados de escoltar o carro e de manter lonxe as mans dos larpeiros.

 

Despois do reparto no alto da Picota aproveitamos o parón para ir xantar, e a continuación, posto que non había moito movemento, dirixímonos o Castelo de Monterrei, preto de Verín, para facer unhas bonitas fotos desta antiga construción medieval.

 

 

grupo-verin

 

O segundo grupo dirixiuse cara Verín, para facer a reportaxe correspondente sobre o Cigarrón. Neste caso, o presidente da Asociación de Cigarróns, D. Xosé Manuel, foi o encargado de dirixir dita actividade. Reunímonos na Casa do Escudo, onde xentilmente un grupo de persoas comezou a vestirse dende a primeira ata a derradeira peza que forma o traxe do Cigarrón. Non é unha tarefa fácil, xa que é preciso a intervención de dúas ou tres persoas para axudar a persoa que se disfraza, sobre todo á hora de fixar a faixa, a cal debe quedar moi apertada e á altura axeitada despois de dar varias voltas o tronco do Cigarrón. É todo un “ritual” que dura preto de unha hora.

 

A lenda describe o Cigarrón como un cobrador de impostos ou levantador de caza dos Condes de Monterrei, señores do Val de Verín e outras zonas da provincia de Ourense no antigo réxime, aínda que a súa orixe real continúa a ser un verdadeiro enigma.

 

É unha tradición que traspásase de xeración en xeración, aínda que tamén é posible que entre xente nova no arte que rodea o Cigarrón. Na actualidade, arredor de 500 persoas están adscritas a esta figura tan emblemática do Entroido de Verín.

 

Son moitas as pezas que confeccionan o disfrace, pero as principais son a máscara, unha camisa branca, unha garabata vermella, unha chaquetilla curta sen abrochar, unha pañoleta, unha gran faixa vermella, un pantalón, unhas medias e ligas brancas, uns zapatos negros e, por suposto, un látigo e unhas chocas (campás). Toda a decoración, accesorios e bordados están feitos a man, de aí que os custo total do traxe rolde os 2.000 euros, mentres que o peso pode chegar ós 25 kilos nun adulto.

 

A máscara, quizais o máis representativo do disfrace, está feita en madeira de abedúl. Nela píntanse unhas grandes cellas, uns coloretes ben marcados, un amplo bigote con barba falsa e un cínico sorriso que mostra a dentadura. Na súa parte superior leva una mitra de hoxalata, na que tamén se pintan figuras de animais ou da natureza en xeral, sen ningún motivo aparente.

 

Unha das artes do Cigarrón consiste en mover con xeito as chocas, usando o propio movemento do corpo. Estas chocas, feitas de cobre, colócanse na parte posterior suxeitas cun cinto de forma alterna entre machos e femias para diferenciar o son entre graves e agudos. Así pois, o mesmo tempo que camiña “choutando”, o Cigarrón bate có seu látigo a quen se lle cruza no seu camiño.

 

Despois de esta interesante entrevista acompañamos os nosos amigos cara o Gran Desfile do Entroido de Verín 2.009, onde concentrábanse numerosas carrozas, comparsas, máscaras e demais disfraces. Tras facer varias fotos ó longo das rúas e despois de perdernos na gran multitude de xente, reunimos o grupo para xantar.

 

A continuación, parte do grupo de Verín dirixiuse a Xinzo de Limia, para tomar unhas instantáneas de As Pantallas, a figura máis característica deste pobo.

 

Xa entrada a tarde, xuntámonos ambos grupos en Laza para fotografar o desfile de carrozas típicas e toda a festa que lle rodea, incluídas, por suposto, as continuas carreiras dos peliqueiros.

 

Entrada a noite dirixímonos cara Ourense, lugar onde concertáramos a cea de despedida para intercambiar as vivencias do día, e para despois regresar cada un o seu domicilio, dando así por rematada a actividade.

 

grupo-verin-2

 

Fontes de información: Asociacións de Cigarróns e Peliqueiros, http://www.verin.es/  e  http://www.laza.info/

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Entroido de Verín e Laza aquí http://www.phosgalicia.org/ node/17

09-01-24: Os Ancares

Febrero 9th, 2009

O pasado día 24 de Xaneiro reunímonos 16 compañeiros, tanto socios como simpatizantes da nosa Asociación, de forma puntual en Becerreá, segundo a convocatoria do encontro, aínda a pesar do temporal que azoutou a nosa Comunidade durante esa fin de semana. Dende alí  comezamos a nosa pequena visita ós Ancares galegos.

A Serra dos Ancares sitúase o leste da provincia de Lugo, xa limítrofe con León. Xunto cá Serra do Courel, situada máis o sur, forman o meirande espazo natural de Galicia. A serra está formada por pequenos vales encaixonados entre picos que rozan os 2.000 metros de altitude, cuxas cumes presentan unha forma redondeada.

Contan que, non fai moito tempo, aínda quedaban aldeas sen luz eléctrica, cabanas prehistóricas nas que convivían persoas e animais, e pobos sen estradas que quedaban illados no inverno pola neve.

 

Na serra predominan os bosques de carballos, castiñeiros, fresnos, bidueiros, avellanos, piñeiros, acivros e álamos, mentres que, en canto a fauna, podemos atopar cervos, rebecos, corzos, xabariles, lobos, zorros, xinetas, aguias, falcóns, e mesmo, pitas de monte (urogallo). 

 

Así pois, de camiño a nosa primeira visita, o Castelo de Doiras, fixemos unha primeira parada para degustar dun bo café de pota e facer as primeiras fotos da Ponte de Gatín sobre o río Navia.

 

De seguido, comezamos unha tortuosa ascensión cara o castelo, xa que a estrada principal estaba cortada pola caída de diversas árbores por mor dos fortes ventos. Pero tras localizar unha vía alternativa, chegamos o noso primeiro destino, situado a 700 metros de altitude: o Castelo de Doiras, quizais o monumento máis característico da Serra dos Ancares.

 

Trátase dunha edificación do século XV, de planta rectangular, sobre a que se alza impoñente unha torre de 14 metros de altitude, protexida por uns muros que nalgunhas zoas acadan os 8 metros de desnivel. Foi propiedade do Conde de Graxal de Campos, Señor de Cervantes, título que ostentou o duque de Sesto. Para máis información podes visitar o seguinte link: http://www.sotodefion.org/doiras.htm  

 

grupo-doiras

 

Despois de facer fotos dende tódolos ángulos, decidimos por rumbo cara o Piornedo, momento no que fixo acto de presenza a neve o chegar ó alto de Degrada. Non foi preciso o uso de cadeas, pero tivemos que circular nalgúns tramos ben a modo por precaución.

 

Cando chegamos o pobo, o vento e a choiva estiveron a punto de trastorna-los nosos plans, pero no momento preciso, deixouse ver un pouco o sol e permitiunos xantar como tíñamos previsto, antes de comezar a ascensión o alto do Mustallar.

 

Xa novamente a pé, atravesamos o pobo facendo paradas para fotografar as típicas pallozas, antigas vivendas dos habitantes da zona. Presentan unha planta circular ou elíptica, sobre a que se asenta o tellado de palla en forma de cono para evitar que a neve se acumule.  O mobiliario tradicional contaba cunha lareira para facer lume e cociñar, un forno para cocer o pan e un dormitorio. O espazo reservado para os animais localizábase xusto en baixo para así aproveitar a calor desprendida por eles.

 

As xentes do lugar sobreviven principalmente do ganado, polo que abundan os pastizales o carón de grandes zonas de matorrales. 

 

O chegar á Capela de San Lourenzo comeza o sendeiro que leva ó cumio do Mustallar, que con 1.924 metros de altitude é o monte máis alto da provincia de Lugo situado na Serra dos Ancares. Tíñamos a certeza de que non chegaríamos ó final da ruta, por falta de tempo e pola acumulación de neve no camiño, pero algúns intentamos chegar o máis lonxe posible, ata que unha forte nevarada fixo que tivésemos que regresar case o principio do sendeiro, onde o resto da xente, aparte de facer fotos, fixo a nosa nova mascota do inverno: “phosgui”.

 grupo-mustallar

 

 

mustallar-y-phosgui

 

Comezaba a anoitecer e a cea agardábanos no pobo de Piornedo, polo que retomamos o camiño de volta para quentar o corpo cun caldiño ben quente.

 

As condicións climatolóxicas non foron as máis propicias para o desenrolo da actividade fotográfica, pero estamos no certo de que se “conxelaron” algunhas boas imaxes e, sobre todo, que gozamos dun día divertido e agradable na compañía dun grupo de xente unida pola paixón da fotografía. 

 

grupo-piornedo

Moitas grazas a tódolos asistentes.

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Castelo de Doiras aquí http://www.phosgalicia.org/node/17

1ª Asemblea Xeral Extraordinaria (20/12/08)

Enero 5th, 2009

O pasado día 20 de Decembro do 2.008 reuníronse, en Asemblea Xeral Extraordinaria, no Centro Social Caixanova de Vigo, D. Roberto de la Torre, D. José Gutierrez, D. Alexandro Barberena, D. Alejandro Bravo, D. Antonio Vidal, D. Julio Beceiro e D. Eladio Torres, na cal se aprobaron os seguintes asuntos da orde do día :

 

1º) A constitución da Xunta Directiva por maioría cualificada, como segue:

 

            Presidente:                           Roberto de la Torre

            Vicepresidente:                  Jose Gutierrez

            Secretario-Tesoureiro:        Alexandro Barberena

            Vogal Coruña:                    Julio Beceiro

            Vogal Vigo:                          Antonio Vidal

 

2º) Validáronse os Estatutos, asinados na Acta Fundacional, de forma unánime.

 

3º) Decidiuse, por maioría cualificada, o logo da Asociación.

 

4º) Por motivos de tesourería, pospúxose a contratación (non obrigatoria) dos seguros de responsabilidade civil e accidentes colectivo.

 

5º) Lexisláronse as normas de cesión de fotografías dos socios para ó Patrimonio da Asociación, sempre con carácter colectivo, e baixo o amparo da Lei de Propiedade Intelectual.

 

Asamblea1

O Acta Fundacional

Enero 5th, 2009

O pasado día 22 de Novembro do 2.008 reuníronse no Centro Social Caixanova de Vigo, D. Roberto de la Torre, D. José Gutierrez, D. Alexandro Barberena, D. Alejandro Bravo e D. Antonio Vidal, para firmar o Acta Fundacional da ASOCIACIÓN FOTOGRÁFICA GALEGA “PHOSGALICIA”, na cal se acordaron:

 

1º) Constituír unha Asociación sen ánimo de lucro ó abeiro da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de Asociacións.

 

2º) Consensua-los Estatutos da Asociación por unanimidade dos asistentes.

 

3º) Elixi-lo Órgano provisional de goberno da Asociación, formado por:

 

           Presidente:                           Roberto de la Torre

           Vicepresidente:                  Jose Gutierrez

           Secretario-Tesoureiro:        Alexandro Barberena

           Vogal 1º:                               Alejandro Bravo

           Vogal 2º:                               Antonio Vidal

 

 

 

Acta Fundacional