09-03-14: Fervenzas de A Fonsagrada

O pasado día 14 de marzo, xuntámonos 30 persoas (entre socios e simpatizantes) para facer unha pequena visita o municipio de A Fonsagrada, segundo a convocatoria do encontro fotográfico programado pola nosa Asociación.

 

Nesta ocasión, contactamos có Concello de A Fonsagrada, que moi xentilmente facilitounos membros do seu equipo de goberno para que nos fixeran de guías durante a nosa actividade. Así pois, froito desta colaboración, ás 10:00 da mañá agardábannos ás portas do Hotel Fonte Sacra: Geli, a responsable do departamento sociocultural, e Oscar, o tenente de alcalde.

 

Dende alí partimos, dunha forma organizada có menor número de automóbiles posible, cara o Miradoiro de Arexo, dende onde se ten unha extraordinaria vista do serpenteo do río Navia ós pés das empinadas ladeiras das montañas que o rodean. Trátase da cola do encoro de Grandas de Salime.

 

grupo-fonsagrada

 

Continuamos a nosa ruta cara a aldea asturiana de Río de Porcos, tendo que cruzar con anterioridade unha estreita, curiosa e longa ponte colgante de madeira, que une os termos municipais de Fonsagrada e San Antolín de Ibias. Por esta zona aínda pódense atopar vestixios dun antigo camiño da República.

 

Regresamos pola mesma estrada á aldea abandonada  de A Fornaza, onde puidemos fotografar antigos fornos de fundición férrea, así como a Capela de Santa María, de singular beleza polo entorno no que se atopa.

 

Non moi lonxe de alí, agardábanos xa unha deliciosa tortilla de patacas e un saboroso churrasco na acolledora praia fluvial da Naraxa: unha área recreativa coñecida como a Pena do Inferno, debido as altas temperaturas que se acadan no verán.

Neste intre, os nosos guías volveron mostrar a súa extraordinaria amabilidade, servindo a comida os membros da nosa Asociación.

 

Despois dun breve descanso, dirixímonos a Seimeira de Vilagocende que, con case 50 metros de caída, é unha das máis grandes e belas fervenzas da nosa Comunidade. De seguido e xa para finaliza-lo día, visitamos as Seimeiras de Queixoiro, non tan espectaculares como a primeira, pero quizais máis atractivas para ás nosas cámaras, xa que as rodea unha vexetación moito máis frondosa.

 

Dende aquí queremos agradecer unha vez máis o esforzo e o tempo dedicado polos nosos compañeiros Geli e Oscar, que amosaron unha gran paciencia e hospitalidade.

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de A Fonsagrada e as súas fervenzas aquí http://www.phosgalicia.org/node/17 e tamén está pendente a realización dunha exposición na Casa da Cultura do Concello.

Comments are closed.