09-02-22: Entroido en Laza e Verín

En primeiro lugar queremos agradecer a tódolos asistentes, tanto socios como simpatizantes, a súa puntualidade, xa que por mor das distintas colaboracións que fixemos coas Asociacións do entroido, foi necesario establecer o punto de encontro ás 08:30 da mañá en Xinzo da Limia.

 

Dende alí partiu o primeiro grupo cara Laza, onde o Presidente da Asociación de Peliqueiros, o Sr. Miró, agardaba cun grupo de xente para facer unha reportaxe da figura máis representativa do entroido deste pobo: O Peliqueiro.

 

Sobre as 09:00 recibíronnos moi ben nunha casa, con certa vergoña, aínda que normal ao vérense rodeados de tantas cámaras de fotos. Foron chegando entón os homes que se vestirían de Peliqueiros, nos que notábase nalgún deles o exceso da noite anterior, xa que en tempo de entroido a festa é importante. Pero as tradicións tamén o son, e pouco a pouco fóronse vestindo as medias, o calzón, o faxín, a chaqueta, as chocas (cencerros) e a máscara. Poñerse o traxe de Peliqueiro require axuda, parecido ao acto de vestirse dun toureiro, podendo levar ben unha hora.

 

Unha vez rematado o reportaxe dirixímonos á Praza da Picota onde puidemos fotografar a “estrea do Peliqueiro”, que non é outra cousa que as primeiras carreiras que fan.

 

A figura do peliqueiro no entroido é case divina, é quen manda, quen dirixe e ninguén pode poñerse no seu camiño, xa que quen o faga corre o risco de levar un azoute cunha especie de látego que levan, chamado zamarra.

 

Despois de varias carreiras, os Peliqueiros, xa en formación, desfilaron rúa abaixo para recibir e escoltar ó carro da Bica. O reparto da bica ten moita tradición: a bica é unha sobremesa doce similar a un pastel, vai nun carro tirado por vacas e, subidas nel, as rapazas do pobo que serán as encargadas de repartila, mentres que os peliqueiros son os encargados de escoltar o carro e de manter lonxe as mans dos larpeiros.

 

Despois do reparto no alto da Picota aproveitamos o parón para ir xantar, e a continuación, posto que non había moito movemento, dirixímonos o Castelo de Monterrei, preto de Verín, para facer unhas bonitas fotos desta antiga construción medieval.

 

 

grupo-verin

 

O segundo grupo dirixiuse cara Verín, para facer a reportaxe correspondente sobre o Cigarrón. Neste caso, o presidente da Asociación de Cigarróns, D. Xosé Manuel, foi o encargado de dirixir dita actividade. Reunímonos na Casa do Escudo, onde xentilmente un grupo de persoas comezou a vestirse dende a primeira ata a derradeira peza que forma o traxe do Cigarrón. Non é unha tarefa fácil, xa que é preciso a intervención de dúas ou tres persoas para axudar a persoa que se disfraza, sobre todo á hora de fixar a faixa, a cal debe quedar moi apertada e á altura axeitada despois de dar varias voltas o tronco do Cigarrón. É todo un “ritual” que dura preto de unha hora.

 

A lenda describe o Cigarrón como un cobrador de impostos ou levantador de caza dos Condes de Monterrei, señores do Val de Verín e outras zonas da provincia de Ourense no antigo réxime, aínda que a súa orixe real continúa a ser un verdadeiro enigma.

 

É unha tradición que traspásase de xeración en xeración, aínda que tamén é posible que entre xente nova no arte que rodea o Cigarrón. Na actualidade, arredor de 500 persoas están adscritas a esta figura tan emblemática do Entroido de Verín.

 

Son moitas as pezas que confeccionan o disfrace, pero as principais son a máscara, unha camisa branca, unha garabata vermella, unha chaquetilla curta sen abrochar, unha pañoleta, unha gran faixa vermella, un pantalón, unhas medias e ligas brancas, uns zapatos negros e, por suposto, un látigo e unhas chocas (campás). Toda a decoración, accesorios e bordados están feitos a man, de aí que os custo total do traxe rolde os 2.000 euros, mentres que o peso pode chegar ós 25 kilos nun adulto.

 

A máscara, quizais o máis representativo do disfrace, está feita en madeira de abedúl. Nela píntanse unhas grandes cellas, uns coloretes ben marcados, un amplo bigote con barba falsa e un cínico sorriso que mostra a dentadura. Na súa parte superior leva una mitra de hoxalata, na que tamén se pintan figuras de animais ou da natureza en xeral, sen ningún motivo aparente.

 

Unha das artes do Cigarrón consiste en mover con xeito as chocas, usando o propio movemento do corpo. Estas chocas, feitas de cobre, colócanse na parte posterior suxeitas cun cinto de forma alterna entre machos e femias para diferenciar o son entre graves e agudos. Así pois, o mesmo tempo que camiña “choutando”, o Cigarrón bate có seu látigo a quen se lle cruza no seu camiño.

 

Despois de esta interesante entrevista acompañamos os nosos amigos cara o Gran Desfile do Entroido de Verín 2.009, onde concentrábanse numerosas carrozas, comparsas, máscaras e demais disfraces. Tras facer varias fotos ó longo das rúas e despois de perdernos na gran multitude de xente, reunimos o grupo para xantar.

 

A continuación, parte do grupo de Verín dirixiuse a Xinzo de Limia, para tomar unhas instantáneas de As Pantallas, a figura máis característica deste pobo.

 

Xa entrada a tarde, xuntámonos ambos grupos en Laza para fotografar o desfile de carrozas típicas e toda a festa que lle rodea, incluídas, por suposto, as continuas carreiras dos peliqueiros.

 

Entrada a noite dirixímonos cara Ourense, lugar onde concertáramos a cea de despedida para intercambiar as vivencias do día, e para despois regresar cada un o seu domicilio, dando así por rematada a actividade.

 

grupo-verin-2

 

Fontes de información: Asociacións de Cigarróns e Peliqueiros, http://www.verin.es/  e  http://www.laza.info/

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Entroido de Verín e Laza aquí http://www.phosgalicia.org/ node/17

Comments are closed.