Archive for the ‘Encontros Fotográficos’ Category

10-05-08: Mondoñedo, Rinlo e As Catedrais

Domingo, Julio 25th, 2010

A catedral de Mondoñedo e a súa impresionante fachada románica foi o punto de encontro elixido para reunirnos o pasado 8 de maio, os socios de Phosgalicia. 

Unha vez recollidos unhas guías turísticas e rueiros, xa estábamos dispostos a recorrer a vila e fotografar o seu patrimonio, comezando polo interior da propia catedral. Nela puidemos fotografar con todo detalle e liberdade cada recuncho da mesma, así como visitar o museo do arte sacro. 

Dende aí dirixímonos ata o pintoresco barrio dos muíños, onde aínda se manteñen moitos talleres de artesanía que, unidos a unha arquitectura tradicional, conforman un conxunto de gran beleza por fortuna ben conservado. E sen saír do barrio dos Muíños, fomos todos a xantar cando a choiva empezaba xa a facer acto de presenza. 

Así, despois dun saboroso e abundante xantar e dunha larga sobremesa, collemos os coches con destino a Rinlo, un pequeno e pintoresco pobo mariñeiro situado entre a Praia das Catedrais e Ribadeo. Malia un ceo gris e a constante ameaza da choiva, foron moitas a fotografías que fixemos do seu porto, acantilados e rúas aínda  co pouco tempo que tiñamos xa que a marea baixa estaba prevista para as 18.30. 

Para finalizar o encontro quedaba o momento máis esperado, a baixada á praia das Catedrais. E foi nese momento no que a choiva fixo a súa aparición. Non era senón un orballo incesante que, aínda que molesto  tanto para os fotógrafos como o seu material, non puido deter aos máis intrépidos adentarse nalgunhas das covas e recunchos das rochas.

 

A subida da marea e a choiva, cada vez máis intensa, puxeron fin a un encontro que dende a xunta directiva esperamos que gozásedes, malia ás inclemencias meteorolóxicas. 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de Mondoñedo, Rinlo e A praia das Catedrais en http://www.phosgalicia.org/Galeria_Phosgalicia 

Por José Meis.

10-04-10: Corrubedo e Castro Baroña

Lunes, Julio 12th, 2010

As vilas de Corrubedo, Ribeira e Porto do Son recibíannos cun día claro de calor e sol radiante.

Eran as 11 da mañá cando os últimos socios aparcaban xa no reservado de “Casa da Costa” que é o centro de recepción de visitantes do parque Natural das Dunas de Corrubedo.

A paisaxe, única en Galicia e reserva de gran valor europeo de fauna e flora, era o escenario perfecto para que os socios de Phosgalicia puidésemos fotografar as súas impresionantes dunas, paxaros e conxuntos naturais.

Armados cás nosas cámaras provistas dos teles mais potentes e de máis alcance dispoñémonos a pasar un gran día de fotografía, amizade e natureza.

Recibidos estupendamente polo persoal do Parque, convidáronnos a visualizar un vídeo explicativo da formación das dunas e da súa importancia natural de reserva polas especies en perigo que nel viven e tamén, especies difíciles de ver fora deste tipo de paisaxes.

Despois un biólogo profesional do Parque acompañounos polo paseo que atravesa as zonas que se poden visitar do entorno, onde xa puidemos usar os pesados teles que portabamos. O calor non acompañaba neste transo.

Tamén nos acercamos ate un miradoiro de aves da Lagoa de Vixán, onde fotografamos garzas reais, ánades e demais especies acuáticas que nel viven.

Como a fame xa apertaba, decidimos poñer rumbo o restaurante “A Curota” situado nun lugar privilexiado sobre a parte baixa do sur da serra do Barbanza e que conta cun miradoiro, desde onde se poden ver todas as Rías Baixas ata os montes da serra da Groba en Baiona! Sen dúbida un sitio perfecto para facer panorámicas.

Pasada a media tarde collemos rumbo a Porto de Son onde visitamos o Centro de interpretación do Castro de Baroña, maquetas, restos arqueolóxicos e, un experto na materia resolveu todas as nosas dúbidas sobre a orixe e significado do Castro de Baroña que foi o noso seguinte destino.

Na península do castro fotografamos a posta de sol, máis impresionante se cadra dende un sitio tan entrañable e non falto de misticismo.

Pola noite gozamos da fotografía nocturna, e dos experimentos con flashes a distancia. Os resultados obtidos dan boa conta do éxito da xornada.

A única pega foi un contratempo de tráfico cun animal salvaxe que agardamos non volva a  suceder.

Cansados e cas tarxetas cheas regresamos a casa, con ganas de volver a vernos todos noutra ocasión.

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Parque Natural Dunas de Corrubedo, Lagoas de Carregal e Vixán, e Castro Baroña en http://www.phosgalicia.org/Galeria_Phosgalicia

Por Roberto de la Torre

10-03-13: Melón, Quins e Ribadavia

Lunes, Junio 7th, 2010

Daban as 11:00 H no campanario do mosteiro cando xa estabamos todos esperando que nos viñesen a abrir as portas, o día seco e algo fresco, estaba asollado con algunhas nubes ben feitas que daban ao ceo unha atractiva textura para os nosos fins fotográficos.


Rapidamente puxémonos ao choio e non para levantar as pedras que por desgraza faltaban no seu lugar, se non para levantar testemuño da gran beleza que en mellores momentos estas mostraron.


Tempo suficiente tivemos para fotografar as esencias do lugar. Santa María de Melón, mosteiro igrexa, cemiterio, xardín e pombal, interesante conxunto en reconstrución que esperamos poder pronto vir visitar e seguro que esta vez admirar.

 

O segundo destino da nosa apertada axenda era coñecer o río Cerves e as súas pozas e fervenzas, este daba caudalosa conta dos días chuviosos que nos precederon e ofreceunos acubillo para comer de bocadillo no merendero que hai no inicio do percorrido alí, ocupando todas as mesas dispoñibles comemos rodeados de natureza. Un par de horas aproximadamente levounos percorrer os escasos cincocentos metros de percorrido, o certo é que había innumerables recunchos do río que chamaban a nosa atención.

 

grupo

 

Coa visita a Quines, tivemos a oportunidade de coñecer este incomprensiblemente pouco coñecido conxunto pétreo de hórreos e cruceiros, non sen lamentar o estado de conservación da maioría daqueles que antes tiveron a importante función de manter o noso alimento.

 

A dispoñibilidade de tempo, permitiríanos unha visita non programada ao pobo de Ribadavia, onde puidemos admirar e fotografar este magnifico pobo que conserva fielmente a beleza da arquitectura popular doutro tempo.


A apetitosa cea nun restaurante próximo, foi o colofón a unha xornada ben aproveitada e gozada.

 
Grazas a todos os asistentes por vir.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de Melón, Quins e Ribadavia aquí http://www.phosgalicia.org/Galeria_Phosgalicia

 

Por Antonio Vidal

10-02-14: O Entroido en Viana do Bolo

Miércoles, Abril 7th, 2010

As 10 da mañá aínda había xeo na estrada e as fontes eran espadañas de cristal cando os socios de Phosgalicia estaban xa aparcando nas rúas.

E que desta vez, como non podía ser de outra forma, Phosgalicia viaxou ata un dos entroidos mais antigos e culturais de Galicia, con maior tradición e diferenciado do resto dos entroidos que se celebran por estas datas de febreiro: O entroido de Viana do Bolo.

Despois dun café e unha agradable conversa entre socios, dirixímonos á praza do pobo, onde asistimos ao pregón a cargo de Mercedes Peón que iniciaba os actos do entroido e da festa da androia.

Unha actuación teatral duns nenos da vila puxo o punto carnavalesco ao acto.

Mais tarde xa resoaban na distancia os primeiros folións e tomamos posicións cas cámaras para non perder detalle.

Os folións, que son grupos de tambores das Vilas e aldeas da comarca, danse cita no domingo de entroido en Viana do bolo, facendo literalmente tremer a comarca co seu acompasado ritmo de bombos, sachos e outros utensilios de labranza utilizados a modo de instrumentos musicais.

Acompañando ó folión (Ou fulión) veñen os boteiros, que son as personaxes típicas do entroido da comarca, as súas máscaras, inspiradas en demos portan unha estrutura moi alta na cabeza decorada con papeis de cores por norma xeral, aínda que atopamos diferentes variacións segundo a comarca, con caretas de madeira, de diferentes cores…

Tamén atopamos no desfile as “Mázcaras” que son propias da zona de Manzaneda co seu gran pucho de forma cónica engarzado por brillantes fitas de cores e, a diferenza dos boteiros, acompañan o ritmo dos bombos cun baile propio.

Capturando a esencia do entroido de Viana cas nosas cámaras, os desfiles e as comparsas foron dando paso a hora de xantar.

grupo

O concello de Viana do Bolo en colaboración con Phosgalicia tivo a ben invitarnos ós socios xantar con eles, todos os participantes dos desfiles xuntos nun pavillón e nunha carpa sumaban un total de 3000 persoas, con bombos e sachos que non deixaron de soar en ningún intre. Os nosos oídos chegaron a pedir tregua!

Gozamos dun manxar de estas terras: a androia, que é un chourizo feito con costela, tamén houbo grelos, caldo, cabrito con patacas, sobremesa… e todo ata rebentar!

Mais tarde volverían a saír polas rúas os desfiles tendo como opción quedarse un rato mais e fotografalos, pero o cansazo e o madrugón pasou factura e a maioría dos socios deron por rematada a actividade.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de Viana do Bolo aquí http://www.phosgalicia.org/node/17

 

Por Roberto de la Torre

09-11-07: O Magosto no Courel

Martes, Enero 5th, 2010

O pasado 7 de novembro, 15 intrépidos démonos cita ás 10:00 da mañá no Aula da Natureza de Moreda do Courel, coa intención de pasar unha boa xornada de fotografía, sendeirismo e de degustación gastronómica.

 

Como era de esperar polas predicións meteorolóxicas dos días previos, o mal tempo en forma de moita choiva e auganeve, evitou que puidésemos iniciar dende alto do Couto (1392 m) como tiñamos previsto a ruta en descenso da Devesa dá Rogueira, polo que decidimos regresar á parte baixa onde estaba previsto o final da mesma nas inmediacións da aula de natureza e dende aí iniciar á inversa o percorrido ascendente, ata que a persistente nube que se aloxou a metade de percorrido na saia do monte Formigueiros ( 1592 m) impediunos continuar a ascensión, iniciando neste momento o descenso e o avituallamento.

 

A pesar das malas condicións climatolóxicas, coidemos gozar dunha magnífica paisaxe de montaña, prados, soutos, moita auga e todo balizado de faias, carballos, castaños e vetustas construcións levantadas en pedra e lousa do lugar, que serven de agardo para o gando.

Xa de tarde no pobo de Seoane do Courel, gozamos na festa da castaña que se celebra todos os primeiros sábados de novembro, deste rico froito elaborado de distintas formas: asadas á brasa, en sopa de castaña, xabaril acompañado de castaña e de sobremesa ¿adiviñades de que era o pastel que nos serviron?, efectivamente de castaña.

 

grupo1

 

Unha vez saciadas as nosas ganas de fotografar, andar e comer, chegou o momento da despedida iniciando o camiño de regreso cada un á súa casa coas ganas de poder volver vernos pronto.

 

Dende a xunta directiva querémosvos agradecer a participación e invitarvos a volver sempre que queirades.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Courel aquí http://www.phosgalicia.org/node/17

 

Por Antonio Vidal.

09-07-04: A rapas das bestas de Sabucedo

Jueves, Diciembre 24th, 2009

O punto de encontro elixido esta vez para xuntarnos e tomar un café foi unha cafetería da Estrada, preto do pobo de Sabucedo.

Unha vez xuntos na cafetería compartimos uns minutos de conversa, e tivemos a oportunidade de coñecer os novos socios que viñan por primeira vez a unha actividade.

Organizamos os coches para non levar todos e puxemos rumbo a Sabucedo.

Aparcamos nunha zona reservada, preto do curro, que tiñamos solicitada e pactada ca organización, se cadra isto foi unha sorte xa que moita xente ten que deixar o coche a varios quilómetros.

Xa no pobo, emprendemos a subida o monte Peon, onde os gandeiros xuntan as bestas, que están libres nos montes antes de baixalas o trote cara o curro.

Alí soubemos do desafortunado falecemento dun veciño da parroquia e gandeiro, que sufriu un ataque ó corazón. Consternados por este feito proseguimos ca nosa actividade.

Logo dun agradable paseo, pero con bastante pendente chegamos o monte Peon onde as bestas xa estaban xuntas en recintos limitados. Alí puidemos facer as primeiras fotos dos cabalos.

Despois baixamos de novo a Sabucedo onde gozamos dun polbo á feira e dunha comida campestre.

Sobre as 5 da tarde as bestas foron conducidas a través do pobo, facendo unhas fotos espectaculares de este intre de tensión e perigo xa que case 300 cabezas de gando baixan a trote atravesando as rúas estreitas para ser conducidas ó curro.

grupo

Mais tarde, puidemos entrar no curro, sen facer cola xa que estabamos acreditados para fotografar nas gradas e baixar á area aquel que quixese arriscar a cámara e o físico.

Os actos da rapa son espectaculares, aloitadores, garañóns, espectáculo puro e duro, as fotografías que fixemos dan boa fe diso.

Transcorrida a rapa, nos xuntamos todos de novo para tomar unha fresca xarra de cervexa, un merecido premio logo dun divertido dia de fotografía, suor e forza.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes da Rapa aquí http://www.phosgalicia.org/node/17 

 

Por Roberto de la Torre.

09-06-06 e 07: Illas Cíes

Martes, Noviembre 10th, 2009

Os días 6 e 7 de Xuño, a nosa Asociación organizou un gran encontro, con noite incluída, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, máis concretamente nas Illas Cíes, ás que asistimos 20 persoas, entre socios e simpatizantes.

 

Al Illas Cíes e pequenos illotes o seu carón forman un arquipélago que se asenta na entrada da Ría de Vigo, na provincia de Pontevedra. Está formado polas grandes illas de San Martiño (illa Sur), illa de Faro (illa central) e a illa de Monteagudo (illa norte), estas dúas últimas unidas de forma natural pola praia de Rodas, considerada polo prestixioso periódico británico “The Guardian” como a praia máis bonita do mundo. O arquipélago, de máis de 2.650 hectáreas mariñas e 430 terrestres, forma unha barreira natural que protexe toda a Ría de Vigo.

 

Ante a necesidade de protexer os valores naturais das mesmas polo incremento do turismo, foron declaradas Parque Natural en 1980. En 1988 outorgouse o título de zona ZEPA (zona de especial protección das aves) e, dende o ano 2002, están incluídas no Parque nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

 

As illas, debido a súa proximidade á costa, foron asentamento do home dende a Idade de bronce, xa que se atoparon vestixios castrexos da mesma no poboado de “As Hortas”, situado na ladeira do Monte Faro. Os romanos as denominaron as Illas dos Deuses, pero non foi ata o século VI, coa proliferación das ordes relixiosas, cando se instalaron e levantaron as primeiras construcións de importancia: o Mosteiro de San Martiño na illa Sur e o Mosteiro de San Estevo na illa central, sobre cuxas ruínas ergueuse o actual Centro de Interpretación. Así pois, durante moitos anos foron propiedade da Igrexa e aforadas polos nobres da época, pero debido os continuos ataques de diversos invasores para utilizalas illas como base das súas incursións na costa, coma poden ser os normandos ou os piratas turcos, tunecinos e ingleses, foron practicamente despoboadas a mediados do século XVI. Foi a partir do século XIX cando retomouse a repoboación levando a cabo novas construcións, coma foron un almacén de artillería (sobre o Mosteiro de San Estevo), un cuartel de carabineiros e unha cárcere (próximos a praia de Nosa Señora), dúas fábricas de salgadura (unha baixo o actual Restaurante de Rodas na illa Norte e outra na illa Sur), un viveiro de lagostas (o carón do Lago) e o Faro de Cíes. Pouco tempo despois, a competencia das conserveiras da costa contribuíu o declive das fábricas de salgadura, polo que arredor do ano 1900 quedaron reducidas a simples almacéns.  Así pois, a poboación, na súa maioría de orixe da vila de Cangas, foi diminuíndo ata mediados do século XX. Na actualidade,  perdura algunha  propiedade privada illada, aínda que o turismo é, con gran diferenza, a actividade que máis xente aporta ás illas, cun máximo de 2.200 visitas por día, grazas a liña regular de barcos que unen as illas con Vigo, Baiona e Cangas.

O noso grupo embarcou no primeiro catamarán da mañá, propiedade da Naviera Mar de Ons (teléfono +34 986225272), con saída dende Vigo. Unha hora máis tarde chegamos o peirao da Praia de Rodas, na  illa norte, para de seguido dirixirnos cara o camping (teléfonos +34 986438358 ou +34 986225582) e montar as tendas de campaña. Antes de ir a xantar ó restaurante do camping, tivemos un pouco de tempo para realizar as primeiras fotografías dende a ponte artificial que une as illas de Monteagudo e do Faro, dende onde se ten unha fermosa vista do Lago dos Nenos, dos acantilados da cara Oeste das illas e da espectacular praia de Rodas, de area fina e branca e cristalinas augas de cor esmeralda, coma se do Caribe se tratase, se non fose polas baixas temperaturas do mar.

 

Despois da comida, o grupo partiuse en dous subgrupos para realiza-los cursos de Fotografía organizados por VigoFoto: un de macrofotografía nas inmediacións do Alto do Príncipe na illa norte e outro de paisaxe entre as praias de Rodas e das Conchas na illa central, dende onde tivemos moita facilidade para divisar ó cormorán moñudo.   

 

O rematar os cursos, ámbolos grupos reunímonos novamente para recoller as bolsiñas do pícnic e iniciar a ruta do Monte Faro para visitar o gran faro da illa, situado a 175 metros sobre o nivel do mar. Pouco despois de facer un pequeno recorrido en zigzag, dende onde se ten unha inmellorable vista da illa Sur ou de San Martiño, chegamos o noso destino. Trátase do mellor miradoiro das illas, dende onde practicamente temos todo o arquipélago ante nos en tódalas direccións. Dende alí non só fixemos fotografías de toda a paisaxe, senón que tamén a omnipresente gaivota patiamarela fíxonos pasar uns momentos inesquecibles (fotográficamente falando). Agardamos á posta de sol dende un lugar único, onde os xigantescos acantilados tínguense dun color alaranxado. Pouco despois iniciamos o descenso pola mesma ruta ata un desvío que nos levou ata o Faro da Porta ou do Príncipe, cuxa construción custodia o estreito de mesmo nome. Entrou en xogo entón a divertida fotografía nocturna, acompañados en todo momento pola lúa chea e polos “continuos ataques das gaivotas” en defensa dos seus niños próximos ó camiño. Xa de madrugada dirixímonos ó camping para ir descansar, non sen antes realizar unhas fotografías do peirao de Carracido e ter unha agradable conversa baixo a luz da lúa mentres nos tomábamos algo nas inmediacións do mesmo camping.

 

grupo3 

 

A mañá seguinte, algúns aventureiros levantámonos moi cedo para ir fotografar o amencer dende a Silla da Reina, que é unha caprichosa formación rochosa situada no Alto do Príncipe na illa de Monteagudo. Ó regresar o camping para ir almorzar, fixemos algunha parada para fotografar a Camariña, que é un planta con moita presenza nas dunas da praia de figueiras (nudista), de follas estreitas e bayas brancas de agradable sabor, que  se atopa unicamente nestas illas, en Cabo Vilano e mesmo na vila de Camariñas. Tamén fixemos, por suposto, unha nova parada no inicio da praia de Rodas para fotografala sen ningún tipo de presenza humana.

 

Despois de almorzar todo o grupo, agardábannos uns guías do Parque Nacional para realizar unha ruta guiada dende o centro de interpretación ata o miradoiro de aves próximo o Alto da Campá na illa do Faro. Durante esta visita o noso grupo recibiu todo tipo de información sobre a historia das illas e sobre a flora e a fauna das mesmas. O arquipélago destaca por albergar unha das colonias máis numerosas de gaivota patiamarela de Europa, a máis nutrida de cormorán moñudo de España, as parellas pioneiras da gaivota sombría e os derradeiros especimenes sedentarios do arao común, sen esquecernos, por suposto, da gran variedade de especies mariñas que nos podemos atopar se nos mergullamos baixo o auga. En canto a flora, predomina o pino, o eucalipto, a acacia e o toxo, aínda que as directrices a longo prazo que persegue a Dirección do Parque Nacional, é erradicar a existencia de especies non autóctonas, tan agresivas para o medio no que se atopan.

 

Xa despois desta visita guiada, dirixímonos a xantar para, de seguido, ir desmontar o campamento e recoller o equipo, dando así por finalizado o encontro fotográfico realizado no paraíso natural das Illas Cíes.

 

Por Xandro Barberena.

 

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de As Illas Cíes aquí http://www.phosgalicia.org/node/17  

09-05-23: Fragas do Eume

Domingo, Octubre 18th, 2009

O pasado día 23 de maio, xuntámonos 14 persoas (entre socios e simpatizantes) para facer un recorrido polos municipio de Pontedeume, A Capela e Monfero, segundo a convocatoria do encontro fotográfico programado pola nosa Asociación.

 

Comezamos a nosa ruta na antiga central hidroeléctrica de Ventureira, unha das primeiras centrais construídas en Galicia a principios do século XX, que xerou enerxía eléctrica para a cidade de A Coruña. Lamentablemente, na actualidade, ditas instalacións están tapiadas e foi imposible o acceso a mesma.

 

Continuamos polo sendeiro que vai o carón do río Eume, rodeados dunha vexetación moi frondosa e variada, como son o carballo, o bidueiro, o loureiro, o fresno, etc. Non só a abraiante paisaxe foi o máis fotografado, senón que as ópticas macro tiveron moito traballo coa gran cantidade de insectos, anfibios (non de plástico) e pequenas flores.

 

O final desta ruta, chegamos o Mosteiro de Caaveiro, que se ergue solitario sobre un enorme promontorio que sobresae do profundo val do río Eume. É un lugar singular en total harmonía coa paisaxe. Foi fundado como mosteiro benedictino no século X, aínda que todo apunta que xa existía con anterioridade, como lugar de retiro ocasional para un pequeno grupo de cóengos. O seu carácter orixinal románico mantense intacto.

 

Segundo o guía que nos deu unha pequena charla informativa, son moitas as lendas que rodean este complexo tan apartado, pero a que máis nos impactou foi a que conta que nunha das dependencias que forman o conxunto, facíase a tortura da gota de auga, xa que atopouse un habitáculo baixo o chan, xusto baixo dunha pileta.

 

Regresamos polo mesmo sendeiro para xantar e descansar, momento no que a choiva fixo acto de presenza con gran intensidade, tendo que modificar as visitas expostas para o resto do día. Aínda así, a choiva non intercedeu nos bos momentos de humor que soen rodear as nosas comidas.

 

A continuación, soamente puidemos visitar a igrexa do Mosteiro de Monfero, cuxa fachada orixinal é barroca e data do século XVII. Nela atópanse os sepulcros dos Andrade. O Convento foi fundado polos benedictinos no século XII. A enorme extensión dos seus dominios, dende Ortigueira ata Betanzos, mostran o que foi o gran poder político, económico, social e cultural do complexo.

 

grupo

 

Desgraciadamente e, por mor da intensa chuvia, tivemos que dar por finalizada a actividade fotográfica neste lugar, dando paso o tempo do café para máis tarde regresar os nosos domicilios.

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de A Fonsagrada e as súas fervenzas aquí http://www.phosgalicia.org/node/17 

09-04-10:Semana Santa de Ferrol

Martes, Julio 14th, 2009

Na pasada Semana Santa, varios membros da Asociación desprazámonos o Xoves e o Venres Santo á localidade de Ferrol para vivir nas súas rúas a festividade ferrolán e fotografar os momentos máis interesantes do alí acontecido.

Comezamos có pregón que foi pronunciado por o Excelentísimo Sr. Vázquez  (embaixador de España ante a Santa Sede de O Vaticano).

Durante as xornadas do xoves e do venres percorremos as rúas máis céntricas de Ferrol acompañando ás procesións organizadas polas distintas confrarías. O ambiente era dun alto respecto e recollemento, aínda que o noso traballo foi bastante doado, xa que se nos permitiu circular polo interior das procesións buscando sempre os mellores planos para fotografar.

O marxe de calquera consideración relixiosa, trátase dun espectáculo constante polas rúas polas que descorren as distintas confrarías, cunha compoñente plástica e outra dinámica, que o fan moi atractivo para ser fotografado, tanto en planos xerais como nos máis mínimos detalles.

Por José Gutiérrez.

09-03-14: Fervenzas de A Fonsagrada

Domingo, Abril 26th, 2009

O pasado día 14 de marzo, xuntámonos 30 persoas (entre socios e simpatizantes) para facer unha pequena visita o municipio de A Fonsagrada, segundo a convocatoria do encontro fotográfico programado pola nosa Asociación.

 

Nesta ocasión, contactamos có Concello de A Fonsagrada, que moi xentilmente facilitounos membros do seu equipo de goberno para que nos fixeran de guías durante a nosa actividade. Así pois, froito desta colaboración, ás 10:00 da mañá agardábannos ás portas do Hotel Fonte Sacra: Geli, a responsable do departamento sociocultural, e Oscar, o tenente de alcalde.

 

Dende alí partimos, dunha forma organizada có menor número de automóbiles posible, cara o Miradoiro de Arexo, dende onde se ten unha extraordinaria vista do serpenteo do río Navia ós pés das empinadas ladeiras das montañas que o rodean. Trátase da cola do encoro de Grandas de Salime.

 

grupo-fonsagrada

 

Continuamos a nosa ruta cara a aldea asturiana de Río de Porcos, tendo que cruzar con anterioridade unha estreita, curiosa e longa ponte colgante de madeira, que une os termos municipais de Fonsagrada e San Antolín de Ibias. Por esta zona aínda pódense atopar vestixios dun antigo camiño da República.

 

Regresamos pola mesma estrada á aldea abandonada  de A Fornaza, onde puidemos fotografar antigos fornos de fundición férrea, así como a Capela de Santa María, de singular beleza polo entorno no que se atopa.

 

Non moi lonxe de alí, agardábanos xa unha deliciosa tortilla de patacas e un saboroso churrasco na acolledora praia fluvial da Naraxa: unha área recreativa coñecida como a Pena do Inferno, debido as altas temperaturas que se acadan no verán.

Neste intre, os nosos guías volveron mostrar a súa extraordinaria amabilidade, servindo a comida os membros da nosa Asociación.

 

Despois dun breve descanso, dirixímonos a Seimeira de Vilagocende que, con case 50 metros de caída, é unha das máis grandes e belas fervenzas da nosa Comunidade. De seguido e xa para finaliza-lo día, visitamos as Seimeiras de Queixoiro, non tan espectaculares como a primeira, pero quizais máis atractivas para ás nosas cámaras, xa que as rodea unha vexetación moito máis frondosa.

 

Dende aquí queremos agradecer unha vez máis o esforzo e o tempo dedicado polos nosos compañeiros Geli e Oscar, que amosaron unha gran paciencia e hospitalidade.

 

Por Xandro Barberena.

 

Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de A Fonsagrada e as súas fervenzas aquí http://www.phosgalicia.org/node/17 e tamén está pendente a realización dunha exposición na Casa da Cultura do Concello.