10-01-30: Curso Ligthroom/Photoshop
O pasado sábado día 30 de Xaneiro, Phosgalicia celebrou a súa primeira actividade do ano 2010, a cal consistiu nun encontro fotográfico, seguido dunha explicación do manexo básico do LightRoom por parte dos fotógrafos, así como dalgúns aspectos básicos do Photoshop orientado tamén cara o traballo dos fotógrafos.
Na primeira parte do encontro puidéronse realizar fotografías na parte histórica da cidade de Santiago de Compostela, incluído o interior da Catedral, na que algúns asistentes tiveron a fortuna de fotografar o famoso botafumeiro en plena evolución, ó finalizar a misa do peregrino.
Despois fomos xantar como estaba previsto para repoñer forzas e poder así afrontar a charla da tarde.
Era a primeira vez que Phosgalicia convocaba un curso de este tipo, e tanto pola asistencia, como pola participación dos presentes durante o seu desenvolvemento, atrévome a afirmar que foi un éxito.
Falouse de cómo o Lightroom axúdanos no fluxo de traballo á hora de procesar as fotografías realizadas. Tamén se explicaron có Photoshop técnicas de mellora do enfoque e do ruído das nosas tomas, entre outras cousas máis interesantes.
Por José Gutiérrez
09-11-07: O Magosto no Courel
O pasado 7 de novembro, 15 intrépidos démonos cita ás 10:00 da mañá no Aula da Natureza de Moreda do Courel, coa intención de pasar unha boa xornada de fotografía, sendeirismo e de degustación gastronómica.
Como era de esperar polas predicións meteorolóxicas dos días previos, o mal tempo en forma de moita choiva e auganeve, evitou que puidésemos iniciar dende alto do Couto (1392 m) como tiñamos previsto a ruta en descenso da Devesa dá Rogueira, polo que decidimos regresar á parte baixa onde estaba previsto o final da mesma nas inmediacións da aula de natureza e dende aí iniciar á inversa o percorrido ascendente, ata que a persistente nube que se aloxou a metade de percorrido na saia do monte Formigueiros ( 1592 m) impediunos continuar a ascensión, iniciando neste momento o descenso e o avituallamento.
A pesar das malas condicións climatolóxicas, coidemos gozar dunha magnífica paisaxe de montaña, prados, soutos, moita auga e todo balizado de faias, carballos, castaños e vetustas construcións levantadas en pedra e lousa do lugar, que serven de agardo para o gando.
Xa de tarde no pobo de Seoane do Courel, gozamos na festa da castaña que se celebra todos os primeiros sábados de novembro, deste rico froito elaborado de distintas formas: asadas á brasa, en sopa de castaña, xabaril acompañado de castaña e de sobremesa ¿adiviñades de que era o pastel que nos serviron?, efectivamente de castaña.
Unha vez saciadas as nosas ganas de fotografar, andar e comer, chegou o momento da despedida iniciando o camiño de regreso cada un á súa casa coas ganas de poder volver vernos pronto.
Dende a xunta directiva querémosvos agradecer a participación e invitarvos a volver sempre que queirades.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Courel aquí http://www.phosgalicia.org/node/17
Por Antonio Vidal.
09-07-04: A rapas das bestas de Sabucedo
O punto de encontro elixido esta vez para xuntarnos e tomar un café foi unha cafetería da Estrada, preto do pobo de Sabucedo.
Unha vez xuntos na cafetería compartimos uns minutos de conversa, e tivemos a oportunidade de coñecer os novos socios que viñan por primeira vez a unha actividade.
Organizamos os coches para non levar todos e puxemos rumbo a Sabucedo.
Aparcamos nunha zona reservada, preto do curro, que tiñamos solicitada e pactada ca organización, se cadra isto foi unha sorte xa que moita xente ten que deixar o coche a varios quilómetros.
Xa no pobo, emprendemos a subida o monte Peon, onde os gandeiros xuntan as bestas, que están libres nos montes antes de baixalas o trote cara o curro.
Alí soubemos do desafortunado falecemento dun veciño da parroquia e gandeiro, que sufriu un ataque ó corazón. Consternados por este feito proseguimos ca nosa actividade.
Logo dun agradable paseo, pero con bastante pendente chegamos o monte Peon onde as bestas xa estaban xuntas en recintos limitados. Alí puidemos facer as primeiras fotos dos cabalos.
Despois baixamos de novo a Sabucedo onde gozamos dun polbo á feira e dunha comida campestre.
Sobre as 5 da tarde as bestas foron conducidas a través do pobo, facendo unhas fotos espectaculares de este intre de tensión e perigo xa que case 300 cabezas de gando baixan a trote atravesando as rúas estreitas para ser conducidas ó curro.
Mais tarde, puidemos entrar no curro, sen facer cola xa que estabamos acreditados para fotografar nas gradas e baixar á area aquel que quixese arriscar a cámara e o físico.
Os actos da rapa son espectaculares, aloitadores, garañóns, espectáculo puro e duro, as fotografías que fixemos dan boa fe diso.
Transcorrida a rapa, nos xuntamos todos de novo para tomar unha fresca xarra de cervexa, un merecido premio logo dun divertido dia de fotografía, suor e forza.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes da Rapa aquí http://www.phosgalicia.org/node/17
Por Roberto de la Torre.
09-06-06 e 07: Illas Cíes
Os días 6 e 7 de Xuño, a nosa Asociación organizou un gran encontro, con noite incluída, no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, máis concretamente nas Illas Cíes, ás que asistimos 20 persoas, entre socios e simpatizantes.
Al Illas Cíes e pequenos illotes o seu carón forman un arquipélago que se asenta na entrada da Ría de Vigo, na provincia de Pontevedra. Está formado polas grandes illas de San Martiño (illa Sur), illa de Faro (illa central) e a illa de Monteagudo (illa norte), estas dúas últimas unidas de forma natural pola praia de Rodas, considerada polo prestixioso periódico británico “The Guardian” como a praia máis bonita do mundo. O arquipélago, de máis de 2.650 hectáreas mariñas e 430 terrestres, forma unha barreira natural que protexe toda a Ría de Vigo.
Ante a necesidade de protexer os valores naturais das mesmas polo incremento do turismo, foron declaradas Parque Natural en 1980. En 1988 outorgouse o título de zona ZEPA (zona de especial protección das aves) e, dende o ano 2002, están incluídas no Parque nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
As illas, debido a súa proximidade á costa, foron asentamento do home dende a Idade de bronce, xa que se atoparon vestixios castrexos da mesma no poboado de “As Hortas”, situado na ladeira do Monte Faro. Os romanos as denominaron as Illas dos Deuses, pero non foi ata o século VI, coa proliferación das ordes relixiosas, cando se instalaron e levantaron as primeiras construcións de importancia: o Mosteiro de San Martiño na illa Sur e o Mosteiro de San Estevo na illa central, sobre cuxas ruínas ergueuse o actual Centro de Interpretación. Así pois, durante moitos anos foron propiedade da Igrexa e aforadas polos nobres da época, pero debido os continuos ataques de diversos invasores para utilizalas illas como base das súas incursións na costa, coma poden ser os normandos ou os piratas turcos, tunecinos e ingleses, foron practicamente despoboadas a mediados do século XVI. Foi a partir do século XIX cando retomouse a repoboación levando a cabo novas construcións, coma foron un almacén de artillería (sobre o Mosteiro de San Estevo), un cuartel de carabineiros e unha cárcere (próximos a praia de Nosa Señora), dúas fábricas de salgadura (unha baixo o actual Restaurante de Rodas na illa Norte e outra na illa Sur), un viveiro de lagostas (o carón do Lago) e o Faro de Cíes. Pouco tempo despois, a competencia das conserveiras da costa contribuíu o declive das fábricas de salgadura, polo que arredor do ano 1900 quedaron reducidas a simples almacéns. Así pois, a poboación, na súa maioría de orixe da vila de Cangas, foi diminuíndo ata mediados do século XX. Na actualidade, perdura algunha propiedade privada illada, aínda que o turismo é, con gran diferenza, a actividade que máis xente aporta ás illas, cun máximo de 2.200 visitas por día, grazas a liña regular de barcos que unen as illas con Vigo, Baiona e Cangas.
O noso grupo embarcou no primeiro catamarán da mañá, propiedade da Naviera Mar de Ons (teléfono +34 986225272), con saída dende Vigo. Unha hora máis tarde chegamos o peirao da Praia de Rodas, na illa norte, para de seguido dirixirnos cara o camping (teléfonos +34 986438358 ou +34 986225582) e montar as tendas de campaña. Antes de ir a xantar ó restaurante do camping, tivemos un pouco de tempo para realizar as primeiras fotografías dende a ponte artificial que une as illas de Monteagudo e do Faro, dende onde se ten unha fermosa vista do Lago dos Nenos, dos acantilados da cara Oeste das illas e da espectacular praia de Rodas, de area fina e branca e cristalinas augas de cor esmeralda, coma se do Caribe se tratase, se non fose polas baixas temperaturas do mar.
Despois da comida, o grupo partiuse en dous subgrupos para realiza-los cursos de Fotografía organizados por VigoFoto: un de macrofotografía nas inmediacións do Alto do Príncipe na illa norte e outro de paisaxe entre as praias de Rodas e das Conchas na illa central, dende onde tivemos moita facilidade para divisar ó cormorán moñudo.
O rematar os cursos, ámbolos grupos reunímonos novamente para recoller as bolsiñas do pícnic e iniciar a ruta do Monte Faro para visitar o gran faro da illa, situado a 175 metros sobre o nivel do mar. Pouco despois de facer un pequeno recorrido en zigzag, dende onde se ten unha inmellorable vista da illa Sur ou de San Martiño, chegamos o noso destino. Trátase do mellor miradoiro das illas, dende onde practicamente temos todo o arquipélago ante nos en tódalas direccións. Dende alí non só fixemos fotografías de toda a paisaxe, senón que tamén a omnipresente gaivota patiamarela fíxonos pasar uns momentos inesquecibles (fotográficamente falando). Agardamos á posta de sol dende un lugar único, onde os xigantescos acantilados tínguense dun color alaranxado. Pouco despois iniciamos o descenso pola mesma ruta ata un desvío que nos levou ata o Faro da Porta ou do Príncipe, cuxa construción custodia o estreito de mesmo nome. Entrou en xogo entón a divertida fotografía nocturna, acompañados en todo momento pola lúa chea e polos “continuos ataques das gaivotas” en defensa dos seus niños próximos ó camiño. Xa de madrugada dirixímonos ó camping para ir descansar, non sen antes realizar unhas fotografías do peirao de Carracido e ter unha agradable conversa baixo a luz da lúa mentres nos tomábamos algo nas inmediacións do mesmo camping.
A mañá seguinte, algúns aventureiros levantámonos moi cedo para ir fotografar o amencer dende a Silla da Reina, que é unha caprichosa formación rochosa situada no Alto do Príncipe na illa de Monteagudo. Ó regresar o camping para ir almorzar, fixemos algunha parada para fotografar a Camariña, que é un planta con moita presenza nas dunas da praia de figueiras (nudista), de follas estreitas e bayas brancas de agradable sabor, que se atopa unicamente nestas illas, en Cabo Vilano e mesmo na vila de Camariñas. Tamén fixemos, por suposto, unha nova parada no inicio da praia de Rodas para fotografala sen ningún tipo de presenza humana.
Despois de almorzar todo o grupo, agardábannos uns guías do Parque Nacional para realizar unha ruta guiada dende o centro de interpretación ata o miradoiro de aves próximo o Alto da Campá na illa do Faro. Durante esta visita o noso grupo recibiu todo tipo de información sobre a historia das illas e sobre a flora e a fauna das mesmas. O arquipélago destaca por albergar unha das colonias máis numerosas de gaivota patiamarela de Europa, a máis nutrida de cormorán moñudo de España, as parellas pioneiras da gaivota sombría e os derradeiros especimenes sedentarios do arao común, sen esquecernos, por suposto, da gran variedade de especies mariñas que nos podemos atopar se nos mergullamos baixo o auga. En canto a flora, predomina o pino, o eucalipto, a acacia e o toxo, aínda que as directrices a longo prazo que persegue a Dirección do Parque Nacional, é erradicar a existencia de especies non autóctonas, tan agresivas para o medio no que se atopan.
Xa despois desta visita guiada, dirixímonos a xantar para, de seguido, ir desmontar o campamento e recoller o equipo, dando así por finalizado o encontro fotográfico realizado no paraíso natural das Illas Cíes.
Por Xandro Barberena.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de As Illas Cíes aquí http://www.phosgalicia.org/node/17
09-05-23: Fragas do Eume
O pasado día 23 de maio, xuntámonos 14 persoas (entre socios e simpatizantes) para facer un recorrido polos municipio de Pontedeume, A Capela e Monfero, segundo a convocatoria do encontro fotográfico programado pola nosa Asociación.
Comezamos a nosa ruta na antiga central hidroeléctrica de Ventureira, unha das primeiras centrais construídas en Galicia a principios do século XX, que xerou enerxía eléctrica para a cidade de A Coruña. Lamentablemente, na actualidade, ditas instalacións están tapiadas e foi imposible o acceso a mesma.
Continuamos polo sendeiro que vai o carón do río Eume, rodeados dunha vexetación moi frondosa e variada, como son o carballo, o bidueiro, o loureiro, o fresno, etc. Non só a abraiante paisaxe foi o máis fotografado, senón que as ópticas macro tiveron moito traballo coa gran cantidade de insectos, anfibios (non de plástico) e pequenas flores.
O final desta ruta, chegamos o Mosteiro de Caaveiro, que se ergue solitario sobre un enorme promontorio que sobresae do profundo val do río Eume. É un lugar singular en total harmonía coa paisaxe. Foi fundado como mosteiro benedictino no século X, aínda que todo apunta que xa existía con anterioridade, como lugar de retiro ocasional para un pequeno grupo de cóengos. O seu carácter orixinal románico mantense intacto.
Segundo o guía que nos deu unha pequena charla informativa, son moitas as lendas que rodean este complexo tan apartado, pero a que máis nos impactou foi a que conta que nunha das dependencias que forman o conxunto, facíase a tortura da gota de auga, xa que atopouse un habitáculo baixo o chan, xusto baixo dunha pileta.
Regresamos polo mesmo sendeiro para xantar e descansar, momento no que a choiva fixo acto de presenza con gran intensidade, tendo que modificar as visitas expostas para o resto do día. Aínda así, a choiva non intercedeu nos bos momentos de humor que soen rodear as nosas comidas.
A continuación, soamente puidemos visitar a igrexa do Mosteiro de Monfero, cuxa fachada orixinal é barroca e data do século XVII. Nela atópanse os sepulcros dos Andrade. O Convento foi fundado polos benedictinos no século XII. A enorme extensión dos seus dominios, dende Ortigueira ata Betanzos, mostran o que foi o gran poder político, económico, social e cultural do complexo.
Desgraciadamente e, por mor da intensa chuvia, tivemos que dar por finalizada a actividade fotográfica neste lugar, dando paso o tempo do café para máis tarde regresar os nosos domicilios.
Por Xandro Barberena.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de A Fonsagrada e as súas fervenzas aquí http://www.phosgalicia.org/node/17
09-04-10:Semana Santa de Ferrol
Na pasada Semana Santa, varios membros da Asociación desprazámonos o Xoves e o Venres Santo á localidade de Ferrol para vivir nas súas rúas a festividade ferrolán e fotografar os momentos máis interesantes do alí acontecido.
Comezamos có pregón que foi pronunciado por o Excelentísimo Sr. Vázquez (embaixador de España ante a Santa Sede de O Vaticano).
Durante as xornadas do xoves e do venres percorremos as rúas máis céntricas de Ferrol acompañando ás procesións organizadas polas distintas confrarías. O ambiente era dun alto respecto e recollemento, aínda que o noso traballo foi bastante doado, xa que se nos permitiu circular polo interior das procesións buscando sempre os mellores planos para fotografar.
O marxe de calquera consideración relixiosa, trátase dun espectáculo constante polas rúas polas que descorren as distintas confrarías, cunha compoñente plástica e outra dinámica, que o fan moi atractivo para ser fotografado, tanto en planos xerais como nos máis mínimos detalles.
Por José Gutiérrez.
09-04-25: Taller de Fotografía Nocturna
O lugar de encontro elixido para este novo curso de fotografía nocturna de uso das hiperfocais foi a cafetería Praia Clube de Riazor, no paseo marítimo de A Coruña as 18 h.
Na cafetería, durante uns cafés tivemos oportunidade de coñecer os novos socios e manter unha breve charla de presentación. Os profesores repartiron a cada socio as táboas de equivalencias hiperfocais para cada modelo de cámara e lente utilizada.
A mesma praia de Riazor e o seu paseo foron o escenario ideal para recibir as completas explicacións teóricas dos profesores, Jose Gutiérrez e Julio Beceiro, dous pesos pesados neste tipo de fotografía dentro da Asociación.
Durante as explicacións non faltaron preguntas sobre os temas tratados… ruído no sensor, relación lente-sensor, distancias hiperfocais… As dúbidas quedaron resoltas.
A única asitente ó curso que non estaba invitada foi a choiva, que nos obrigou a escapar a cuberto, pero por sorte deixou de chover e puidemos facer unhas primeiras fotos na fonte dedicada aos surfeiros.
Chegada a hora de cenar, e pasada unha hora cun par de cafés e cando a choiva nos volveu dar permiso, nos diriximos a unha fonte emprazada no paseo, pero esta vez ca noite ben entrada, puidemos aplicar toda a teoría aprendida a pé de campo.
Cinta métrica, lanternas e trípodes e a correcta aplicación do aprendido tiveron como froito a obtención de perfectas imaxes nocturnas desta fonte, conceptos que unha vez dominados serán de grande utilidade para aplicar en infinidade de ocasións polos socios.
Por último, nos diriximos a un extremo do paseo da praia, elevado sobre o mar con vistas a Riazor e a fermosa cidade de A Coruña, que era o sitio perfecto para montar os trípodes e facer unhas fotos de paisaxe nocturno.
Xa ben tarde, recollemos o material e só agardaba despedirse, non sen antes facer a foto de grupo do encontro e emprazarnos para a próxima ocasión que esperamos sexa pronto.
Moitas gracias os profesores Jose Gutierrez e Julio Beceiro por este magnifico curso e moitas gracias tamén os asistentes, a todos, menos a choiva.
Por Roberto de la Torre.
09-03-14: Fervenzas de A Fonsagrada
O pasado día 14 de marzo, xuntámonos 30 persoas (entre socios e simpatizantes) para facer unha pequena visita o municipio de A Fonsagrada, segundo a convocatoria do encontro fotográfico programado pola nosa Asociación.
Nesta ocasión, contactamos có Concello de A Fonsagrada, que moi xentilmente facilitounos membros do seu equipo de goberno para que nos fixeran de guías durante a nosa actividade. Así pois, froito desta colaboración, ás 10:00 da mañá agardábannos ás portas do Hotel Fonte Sacra: Geli, a responsable do departamento sociocultural, e Oscar, o tenente de alcalde.
Dende alí partimos, dunha forma organizada có menor número de automóbiles posible, cara o Miradoiro de Arexo, dende onde se ten unha extraordinaria vista do serpenteo do río Navia ós pés das empinadas ladeiras das montañas que o rodean. Trátase da cola do encoro de Grandas de Salime.
Continuamos a nosa ruta cara a aldea asturiana de Río de Porcos, tendo que cruzar con anterioridade unha estreita, curiosa e longa ponte colgante de madeira, que une os termos municipais de Fonsagrada e San Antolín de Ibias. Por esta zona aínda pódense atopar vestixios dun antigo camiño da República.
Regresamos pola mesma estrada á aldea abandonada de A Fornaza, onde puidemos fotografar antigos fornos de fundición férrea, así como a Capela de Santa María, de singular beleza polo entorno no que se atopa.
Non moi lonxe de alí, agardábanos xa unha deliciosa tortilla de patacas e un saboroso churrasco na acolledora praia fluvial da Naraxa: unha área recreativa coñecida como a Pena do Inferno, debido as altas temperaturas que se acadan no verán.
Neste intre, os nosos guías volveron mostrar a súa extraordinaria amabilidade, servindo a comida os membros da nosa Asociación.
Despois dun breve descanso, dirixímonos a Seimeira de Vilagocende que, con case 50 metros de caída, é unha das máis grandes e belas fervenzas da nosa Comunidade. De seguido e xa para finaliza-lo día, visitamos as Seimeiras de Queixoiro, non tan espectaculares como a primeira, pero quizais máis atractivas para ás nosas cámaras, xa que as rodea unha vexetación moito máis frondosa.
Dende aquí queremos agradecer unha vez máis o esforzo e o tempo dedicado polos nosos compañeiros Geli e Oscar, que amosaron unha gran paciencia e hospitalidade.
Por Xandro Barberena.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes de A Fonsagrada e as súas fervenzas aquí http://www.phosgalicia.org/node/17 e tamén está pendente a realización dunha exposición na Casa da Cultura do Concello.
09-02-22: Entroido en Laza e Verín
En primeiro lugar queremos agradecer a tódolos asistentes, tanto socios como simpatizantes, a súa puntualidade, xa que por mor das distintas colaboracións que fixemos coas Asociacións do entroido, foi necesario establecer o punto de encontro ás 08:30 da mañá en Xinzo da Limia.
Dende alí partiu o primeiro grupo cara Laza, onde o Presidente da Asociación de Peliqueiros, o Sr. Miró, agardaba cun grupo de xente para facer unha reportaxe da figura máis representativa do entroido deste pobo: O Peliqueiro.
Sobre as 09:00 recibíronnos moi ben nunha casa, con certa vergoña, aínda que normal ao vérense rodeados de tantas cámaras de fotos. Foron chegando entón os homes que se vestirían de Peliqueiros, nos que notábase nalgún deles o exceso da noite anterior, xa que en tempo de entroido a festa é importante. Pero as tradicións tamén o son, e pouco a pouco fóronse vestindo as medias, o calzón, o faxín, a chaqueta, as chocas (cencerros) e a máscara. Poñerse o traxe de Peliqueiro require axuda, parecido ao acto de vestirse dun toureiro, podendo levar ben unha hora.
Unha vez rematado o reportaxe dirixímonos á Praza da Picota onde puidemos fotografar a “estrea do Peliqueiro”, que non é outra cousa que as primeiras carreiras que fan.
A figura do peliqueiro no entroido é case divina, é quen manda, quen dirixe e ninguén pode poñerse no seu camiño, xa que quen o faga corre o risco de levar un azoute cunha especie de látego que levan, chamado zamarra.
Despois de varias carreiras, os Peliqueiros, xa en formación, desfilaron rúa abaixo para recibir e escoltar ó carro da Bica. O reparto da bica ten moita tradición: a bica é unha sobremesa doce similar a un pastel, vai nun carro tirado por vacas e, subidas nel, as rapazas do pobo que serán as encargadas de repartila, mentres que os peliqueiros son os encargados de escoltar o carro e de manter lonxe as mans dos larpeiros.
Despois do reparto no alto da Picota aproveitamos o parón para ir xantar, e a continuación, posto que non había moito movemento, dirixímonos o Castelo de Monterrei, preto de Verín, para facer unhas bonitas fotos desta antiga construción medieval.
O segundo grupo dirixiuse cara Verín, para facer a reportaxe correspondente sobre o Cigarrón. Neste caso, o presidente da Asociación de Cigarróns, D. Xosé Manuel, foi o encargado de dirixir dita actividade. Reunímonos na Casa do Escudo, onde xentilmente un grupo de persoas comezou a vestirse dende a primeira ata a derradeira peza que forma o traxe do Cigarrón. Non é unha tarefa fácil, xa que é preciso a intervención de dúas ou tres persoas para axudar a persoa que se disfraza, sobre todo á hora de fixar a faixa, a cal debe quedar moi apertada e á altura axeitada despois de dar varias voltas o tronco do Cigarrón. É todo un “ritual” que dura preto de unha hora.
A lenda describe o Cigarrón como un cobrador de impostos ou levantador de caza dos Condes de Monterrei, señores do Val de Verín e outras zonas da provincia de Ourense no antigo réxime, aínda que a súa orixe real continúa a ser un verdadeiro enigma.
É unha tradición que traspásase de xeración en xeración, aínda que tamén é posible que entre xente nova no arte que rodea o Cigarrón. Na actualidade, arredor de 500 persoas están adscritas a esta figura tan emblemática do Entroido de Verín.
Son moitas as pezas que confeccionan o disfrace, pero as principais son a máscara, unha camisa branca, unha garabata vermella, unha chaquetilla curta sen abrochar, unha pañoleta, unha gran faixa vermella, un pantalón, unhas medias e ligas brancas, uns zapatos negros e, por suposto, un látigo e unhas chocas (campás). Toda a decoración, accesorios e bordados están feitos a man, de aí que os custo total do traxe rolde os 2.000 euros, mentres que o peso pode chegar ós 25 kilos nun adulto.
A máscara, quizais o máis representativo do disfrace, está feita en madeira de abedúl. Nela píntanse unhas grandes cellas, uns coloretes ben marcados, un amplo bigote con barba falsa e un cínico sorriso que mostra a dentadura. Na súa parte superior leva una mitra de hoxalata, na que tamén se pintan figuras de animais ou da natureza en xeral, sen ningún motivo aparente.
Unha das artes do Cigarrón consiste en mover con xeito as chocas, usando o propio movemento do corpo. Estas chocas, feitas de cobre, colócanse na parte posterior suxeitas cun cinto de forma alterna entre machos e femias para diferenciar o son entre graves e agudos. Así pois, o mesmo tempo que camiña “choutando”, o Cigarrón bate có seu látigo a quen se lle cruza no seu camiño.
Despois de esta interesante entrevista acompañamos os nosos amigos cara o Gran Desfile do Entroido de Verín 2.009, onde concentrábanse numerosas carrozas, comparsas, máscaras e demais disfraces. Tras facer varias fotos ó longo das rúas e despois de perdernos na gran multitude de xente, reunimos o grupo para xantar.
A continuación, parte do grupo de Verín dirixiuse a Xinzo de Limia, para tomar unhas instantáneas de As Pantallas, a figura máis característica deste pobo.
Xa entrada a tarde, xuntámonos ambos grupos en Laza para fotografar o desfile de carrozas típicas e toda a festa que lle rodea, incluídas, por suposto, as continuas carreiras dos peliqueiros.
Entrada a noite dirixímonos cara Ourense, lugar onde concertáramos a cea de despedida para intercambiar as vivencias do día, e para despois regresar cada un o seu domicilio, dando así por rematada a actividade.
Fontes de información: Asociacións de Cigarróns e Peliqueiros, http://www.verin.es/ e http://www.laza.info/
Por Xandro Barberena.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Entroido de Verín e Laza aquí http://www.phosgalicia.org/ node/17
09-01-24: Os Ancares
O pasado día 24 de Xaneiro reunímonos 16 compañeiros, tanto socios como simpatizantes da nosa Asociación, de forma puntual en Becerreá, segundo a convocatoria do encontro, aínda a pesar do temporal que azoutou a nosa Comunidade durante esa fin de semana. Dende alí comezamos a nosa pequena visita ós Ancares galegos.
A Serra dos Ancares sitúase o leste da provincia de Lugo, xa limítrofe con León. Xunto cá Serra do Courel, situada máis o sur, forman o meirande espazo natural de Galicia. A serra está formada por pequenos vales encaixonados entre picos que rozan os 2.000 metros de altitude, cuxas cumes presentan unha forma redondeada.
Contan que, non fai moito tempo, aínda quedaban aldeas sen luz eléctrica, cabanas prehistóricas nas que convivían persoas e animais, e pobos sen estradas que quedaban illados no inverno pola neve.
Na serra predominan os bosques de carballos, castiñeiros, fresnos, bidueiros, avellanos, piñeiros, acivros e álamos, mentres que, en canto a fauna, podemos atopar cervos, rebecos, corzos, xabariles, lobos, zorros, xinetas, aguias, falcóns, e mesmo, pitas de monte (urogallo).
Así pois, de camiño a nosa primeira visita, o Castelo de Doiras, fixemos unha primeira parada para degustar dun bo café de pota e facer as primeiras fotos da Ponte de Gatín sobre o río Navia.
De seguido, comezamos unha tortuosa ascensión cara o castelo, xa que a estrada principal estaba cortada pola caída de diversas árbores por mor dos fortes ventos. Pero tras localizar unha vía alternativa, chegamos o noso primeiro destino, situado a 700 metros de altitude: o Castelo de Doiras, quizais o monumento máis característico da Serra dos Ancares.
Trátase dunha edificación do século XV, de planta rectangular, sobre a que se alza impoñente unha torre de 14 metros de altitude, protexida por uns muros que nalgunhas zoas acadan os 8 metros de desnivel. Foi propiedade do Conde de Graxal de Campos, Señor de Cervantes, título que ostentou o duque de Sesto. Para máis información podes visitar o seguinte link: http://www.sotodefion.org/doiras.htm
Despois de facer fotos dende tódolos ángulos, decidimos por rumbo cara o Piornedo, momento no que fixo acto de presenza a neve o chegar ó alto de Degrada. Non foi preciso o uso de cadeas, pero tivemos que circular nalgúns tramos ben a modo por precaución.
Cando chegamos o pobo, o vento e a choiva estiveron a punto de trastorna-los nosos plans, pero no momento preciso, deixouse ver un pouco o sol e permitiunos xantar como tíñamos previsto, antes de comezar a ascensión o alto do Mustallar.
Xa novamente a pé, atravesamos o pobo facendo paradas para fotografar as típicas pallozas, antigas vivendas dos habitantes da zona. Presentan unha planta circular ou elíptica, sobre a que se asenta o tellado de palla en forma de cono para evitar que a neve se acumule. O mobiliario tradicional contaba cunha lareira para facer lume e cociñar, un forno para cocer o pan e un dormitorio. O espazo reservado para os animais localizábase xusto en baixo para así aproveitar a calor desprendida por eles.
As xentes do lugar sobreviven principalmente do ganado, polo que abundan os pastizales o carón de grandes zonas de matorrales.
O chegar á Capela de San Lourenzo comeza o sendeiro que leva ó cumio do Mustallar, que con 1.924 metros de altitude é o monte máis alto da provincia de Lugo situado na Serra dos Ancares. Tíñamos a certeza de que non chegaríamos ó final da ruta, por falta de tempo e pola acumulación de neve no camiño, pero algúns intentamos chegar o máis lonxe posible, ata que unha forte nevarada fixo que tivésemos que regresar case o principio do sendeiro, onde o resto da xente, aparte de facer fotos, fixo a nosa nova mascota do inverno: “phosgui”.


Comezaba a anoitecer e a cea agardábanos no pobo de Piornedo, polo que retomamos o camiño de volta para quentar o corpo cun caldiño ben quente.
As condicións climatolóxicas non foron as máis propicias para o desenrolo da actividade fotográfica, pero estamos no certo de que se “conxelaron” algunhas boas imaxes e, sobre todo, que gozamos dun día divertido e agradable na compañía dun grupo de xente unida pola paixón da fotografía.

Moitas grazas a tódolos asistentes.
Por Xandro Barberena.
Podes visitar a galería da Asociación para ver as imaxes do Castelo de Doiras aquí http://www.phosgalicia.org/node/17









