Estatutos

Asociación Fotográfica Galega

“PHOSGALICIA”

 

 

ESTATUTOS

 

TITULO I                       ASPECTOS XERAIS

TITULO II          DOS MEMBROS DA ASOCIACIÓN

TITULO III         DOS ÓRGANOS DE GOBERNO  

TITULO IV         DO PROCESO DE ELECCIÓNS

TITULO V          DO RÉXIME ECONÓMICO

TITULO VI         DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

 

 

 TITULO I 

 

 ASPECTOS XERAIS

 

Artigo 1º.- 

1.       Coa denominación Asociación Fotográfica Galega “PHOSGALICIA” constitúese unha entidade sen ánimo de lucro, ó amparo dos artigos 22 e 51 da Constitución Española, que se rexerá pola Lei Orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de Asociación, polos presentes Estatutos e polas demais normas concordantes que en cada momento lle sexan aplicables.

2.       A palabra Fotografía provén do grego Phos, Photos, cuxo significado é luz, e forma xunto coa palabra Galicia, a palabra composta que da nome a esta Asociación.

 

Artigo 2º.-

1.       O domicilio social da Asociación fíxase na Rúa Alfonso X O Sabio núm. 7, 2º G de Vigo (Pontevedra), podendo ser variado por acordo dos Órganos de Goberno correspondentes. 

2.       O ámbito territorial de actuación da Asociación será principalmente a Comunidade Autónoma de Galicia, podendo estenderse máis alá destes límites en casos moi puntuais.

 

Artigo 3º.- A duración da Asociación será por tempo indefinido.

 

Artigo 4º.- A Asociación será bilingüe, polo que os socios poderán manifestarse de forma particular tanto en Galego como en Castelán, segundo máis lles conveña.

Se cadra, utilizarase o Galego nos presentes Estatutos, en calquera modificación dos mesmos e na Acta Fundacional, así como tamén nos documentos públicos que esixan o uso do mesmo.

 

Artigo 5º.- A Asociación gozará de personalidade xurídica propia e será responsable das obrigacións que contraia en toda clase de actos e contratos de carácter civil que sexan precisos para o desenrolo dos seus fins e para a xestión dos intereses dos seus asociados.

 

Artigo 6º.- Os principais fins da Asociación son os seguintes:

 

 1º) A divulgación e fomento do intercambio de coñecementos técnico fotográficos e culturais entre os propios asociados e entre a Asociación con outros colectivos de similar natureza, mediante a organización de exposicións, encontros, xornadas ou actividades semellantes.

 

 2º) A protección e divulgación da natureza e dos valores naturais de Galicia, así como do seu patrimonio cultural e etnográfico.

 

 

3º) Velar para que a actividade desenvolvida polos participantes, sexan ou non membros da Asociación, se leve a cabo de acordo con estritas normas éticas e de respecto ós valores naturais e ó patrimonio cultural.

 

4º) Colaborar ou traballar con toda clase de entidades públicas ou privadas, para a obtención dunha contraprestación, económica ou en especie, para a Asociación ou para un conxunto dos seus socios*, a cambio do traballo fotográfico realizado por estes últimos. Neste caso, tratarase sempre de formalizar un contrato entre as partes, no que se establezan as condicións que regularán o traballo ou colaboración a realizar.

*En ningún caso, ningún socio poderase lucrar por calquera actividade desenrolada pola Asociación, agás no caso de que a entidade contratante decida establecer un acordo particular có mesmo, fora xa do regulamento da Asociación.

 

5º) Establecer acordos con entidades privadas afincadas no sector da fotografía ou outro sector afín a mesma, coa intención de obter descontos na compra de material ou servizos fotográficos para a Asociación ou para os seus socios.

 

6º) Solicitar cantas subvencións ou outro tipo de axudas sexan necesarias, tanto públicas como privadas, de cara a consecución ou realización dos diferentes proxectos que leve adiante a Asociación, como poden ser cursos para os socios, exposicións colectivas, edicións de libros, etc.

 

6º) Colaborar de forma gratuíta coas entidades sen ánimo de lucro que  soliciten o soporte da Asociación para a divulgación de campañas orientadas á conservación e divulgación do Medio Ambiente e do Patrimonio etnográfico galego.

 

7º) Denunciar ante as autoridades pertinentes calquera dano, agresión ou deterioro producido no patrimonio natural ou cultural, aportando para elo todas aquelas probas fotográficas ou de outra índole que sexan necesarias.

 

8º) Mercar material de uso común para o préstamo do mesmo ós socios, sendo a Xunta Directiva a que administre dita concesión, dunha forma transparente e igualitaria.

 

9º) Outros que a Asemblea Xeral de socios estime oportunos.

 

Para levar a cabo os seus fins, a Asociación poderá organiza-las seguintes actividades:

 

a) Conferencias, cursos, charlas, concursos, encontros, congresos, exposicións ou calquera outra actividade relacionada coa fotografía, que sirvan como punto de encontro para tódolos membros da Asociación e o público en xeral, así como para o intercambio de experiencias e inquedanzas.

 

b) A edición, publicación e distribución do material gráfico e/ou literario, en calquera tipo de soporte, dos traballos realizados. 

 

c) A creación e desenvolvemento dos soportes dixitais necesarios para a divulgación da actividade da Asociación na rede Internet.

 

d) Outros que a Asemblea Xeral de socios considere oportunos.

 

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas con interese lucrativo, coa excepción do recollido no apartado s) do artigo 22º dos presentes Estatutos.

 

 

 

 

 

 

 

 

 TITULO II 

 

DOS MEMBROS DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 7º.-

 

1.       Poderán ser membros da Asociación tódalas persoas físicas maiores de idade, que gusten da fotografía, tanto a nivel profesional como afeccionado, independentemente do seu lugar de residencia.

2.       Non poderán acadar a condición de socio as entidades con personalidade xurídica.

3.       Os menores de idade precisarán dunha autorización escrita dos seus pais, e no seu defecto, dos seus representantes legais.

4.       O ingreso na Asociación será voluntario e se realizará mediante documento normalizado para dito fin, presentando dita petición ante o Secretario da Xunta Directiva, e no seu defecto, ó Presidente.

5.       Unha vez recibida a petición de admisión como socio, será a Xunta Directiva a que, de forma provisional, aprobe ou denegue a mesma, debendo presentar neste último caso as razóns nas que basearon a súa decisión ante a Asemblea Xeral, que será a que decida de forma irrevogable.

6.       A Xunta Directiva levará un Libro de Inscrición no que constarán as altas e as baixas dos socios, tendo que figurar a data na que se solicitaron.

7.       Tódolos socios gozarán de igualdade de dereitos e obrigacións dende o momento da súa admisión, sempre que estean ó corrente do pago das cotas e cumpran coas normas estatutarias.

 

Artigo 8º.- Dentro do funcionamento da Asociación poderán existi-las seguintes clases de integrantes:

 

 

a) Socios Fundadores: son aquelas persoas que subscribiron o Acta Fundacional.

 

b) Socios Numerarios: son aquelas persoas que ingresan con posterioridade á subscrición do Acta Fundacional.

 

c) Simpatizantes: aquelas persoas que, non sendo socios, poden participar sómente na realización de encontros fotográficos que leve a cabo a Asociación. Para calquera outro tipo de actividade relacionada coa Asociación, como poden ser as exposicións ou a edición de material fotográfico literario, precisará da aprobación unánime por escrito da Xunta Directiva.

Non gozarán, en ningún caso, de descontos na compra de material relacionado coa fotografía polos acordos establecidos pola Asociación con entidades privadas do sector, así como tampouco poderán beneficiarse dos ingresos e das posibles subvencións ou axudas recibidas por parte da Asociación, de cara a consecución de cursos, seminarios, exposicións ou calquera outro tipo de actividade.

Tampouco poderán rexistrarse na páxina web e no seu foro para colgar material fotográfico ou publicar comentarios; soamente poderán visualiza-lo como calquera outra persoa allea a Asociación.

 

d) Socios de Honor: son aquelas persoas que ingresan con posterioridade á subscrición do Acta Fundacional e cuxa elección farase segundo a Disposición Adicional Segunda dos presentes Estatutos.  

 

Artigo 9º.-  A condición de socio pérdese, momento no que debe entregar toda a documentación que o relacione coa Asociación, por:

 

1º) Vontade propia, seguindo as pautas do artigo 16 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal e dos artigos 31 e 32 do Real Decreto 1720/2007, de 21 de decembro, polo que se desenrola a mesma, e presentando a solicitude e demais documentación ante o Secretario da Xunta Directiva.

2º) Por falecemento da persoa física.

3º) Por incumprimento das súas obrigas referidas no artigo 12º.- dos presentes Estatutos.

Artigo 10º.-

1.       O feito de ser socio levará consigo a obriga de pagar a cota anual que, por proposta da Xunta Directiva, será aprobada cada ano natural pola Asemblea Xeral, e que será igual para tódolos asociados.

2.       No momento de efectuar o ingreso da cota, a Xunta Directiva expedirá unha acreditación persoal como socio da Asociación.

 

 

Artigo 11º.- Son dereitos dos asociados:

 

            1º) Participar en calquera tipo de actividade da Asociación, formar parte das diferentes comisións de traballo que se constitúan, poder optar ós Órganos de Goberno e representación, exerce-lo dereito de voto, así como asistir á Asemblea Xeral, de acordo cos Estatutos.

 

2º) Ser informado da composición dos Órganos de Goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

 

3º) Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias na súa contra  e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas.

 

4º) Impugna-los acordos dos Órganos da asociación que sexan contrarios á Lei ou ós Estatutos.

 

5º) Solicitar ó Secretario da Xunta Directiva os datos de contacto (teléfono e correo electrónico) de calquera dos socios, respectando sempre a Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal.

 

6º) Solicitar a Xunta Directiva o reembolso dos gastos razoables e debidamente xustificados en que poida incorrer o socio por actuacións relacionadas coa Asociación previamente aprobadas pola Asemblea Xeral.

 

8º) Poderán rexistrarse na páxina web, así como no foro da mesma, para colga-las súas fotografías ou ben publicar ás súas impresións e comentarios respecto da actividade da Asociación.

 

 

Artigo 12º.- Son obrigas dos asociados:

 

1º) Acata-lo contido dos Estatutos e acatar e cumprir os acordos validamente aprobados polos Órganos de Goberno e representación da Asociación.

 

            2º) Contribuír ó mantemento da Asociación coas cotas aprobadas pola Asemblea Xeral.

 

3º) Desempeñar os cargos para os que se presentaron e foron elixidos, así como levar a cabo as tarefas que lle foron encomendadas polos Órganos de Goberno e aceptadas polo propio socio.

 

4º) Observar en todo momento no exercicio da fotografía, ou en calquera outra actividade que se relacione coa devandita práctica, unha conduta acorde cos fins da Asociación fixados nos presentes Estatutos e que en calquera caso deberá ser de máximo respecto á Natureza e o Patrimonio Cultural e Etnográfico.

 

5º) Manter e fomentar o espírito de cooperación entre os membros da Asociación.

 

6º) Cooperar no mantemento da boa orde interna e do prestixio da Asociación, denunciando condutas ilegais ou contrarias ós fins sociais, protagonizadas por calquera persoa ou entidade, sexa ou non membro da Asociación.

 

 

 

            Artigo 13º.- A Xunta Directiva poderá acordar a baixa temporal de calquera dos asociados polas seguintes causas, ata que sexa aprobada definitivamente pola Asemblea Xeral, e sempre respectando o artigo 11.3º:

 

1º) Por desenvolver a súa actividade sen respectar os principios éticos establecidos nos fins da Asociación, especialmente se iso pon en perigo ou ocasiona danos ó Patrimonio Natural ou Cultural.

 

2º) Por incumprimento das obrigas, económicas ou doutro tipo, establecidas nos presentes Estatutos.

 

3º) Por incumprimento dos acordos validamente adoptados polos Órganos de Goberno, no ámbito das súas competencias.

 

4º) Por realizar actividades que comprometan o prestixio e o bo nome da Asociación ou atenten contra os dereitos dos demais membros.

 

A proposta de expulsión dun socio nos supostos dos apartados anteriores, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

 

TITULO III

 

DOS ÓRGANOS DE GOBERNO

 

Artigo 14º.- Os Órganos de goberno e representación da Asociación son:

 

a)      A Asemblea Xeral.

b)      A Xunta Directiva.

 

Artigo 15º.-  A Asemblea Xeral, legalmente constituída de conformidade á Lei e ós presentes Estatutos, é o Órgano soberano do goberno da Asociación. Non obstante, por mandato e delegación de esta, a representación, xestión e administración da Asociación delégase de modo permanente na Xunta Directiva, a cal renderá detalle e conta á Asemblea Xeral.

 

Artigo 16º.- A Asemblea Xeral poderá ter carácter Ordinario ou Extraordinario:

 

1.       A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase unha vez o ano dentro do primeiro trimestre do ano natural en curso. As súas atribucións son:

 

a)      Velar polo cumprimento dos fins da Asociación.

b)      Aproba-lo orzamento anual e, revisar e aprobar, se procede, as contas do exercicio anterior.

c)      Examinar e aprobar, se procede, a xestión da Xunta Directiva do ano anterior.

d)      Aprobar, baixo proposta da Xunta Directiva, as cotas anuais dos socios.

e)      Examinar e aprobar, se procede, o calendario de actividades proposta pola Xunta Directiva para o ano en curso.

 

2.       A Asemblea Xeral Extraordinaria reunirase cantas veces o considere necesario a Xunta Directiva ou o soliciten os 2/3 dos socios, amosando os motivos que o fundamenten e sempre que non sexan contrarios a Lei. As súas atribucións son:

 

a)      Elixir e cesar ós membros da Xunta Directiva.

b)      Coñecer as solicitudes de incorporación de novos socios, e aprobar ou denegar a incorporación definitiva dos mesmos, así como tamén deberá acorda-la posible baixa definitiva dos socios previamente sancionados pola Xunta Directiva.

c)      Aprobar os Estatutos e, no seu caso, a modificación dos mesmos.

d)      Aprobar o alleamento dos bens materiais adquiridos pola Asociación.

e)      Autoriza-lo gasto, gravame ou hipoteca de bens sociais que superen o 50% do orzamento total da Asociación.

f)        Acorda-la disolución da Asociación, e designa-la Comisión Liquidadora no caso de que o Presidente e o Secretario non poidan levar a cabo dita tarefa.

g)      As que sendo de competencia da Asemblea Xeral Ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agarda-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a Asociación.

h)      Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.

 

Artigo 17º.-

1.       As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, quedarán validamente constituídas cando concorran, tanto en primeira como en segunda convocatoria, ao menos, a metade máis un dos socios que compoñan a Asociación.

2.       As Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, serán convocadas polo Presidente e subscritas polo Secretario con quince días de antelación, mediante convocatoria por escrito ou soporte equivalente dirixida a tódolos socios, debendo constar a orde do día, o lugar, a data e a hora de celebración.

3.       Os acordos das Asembleas Xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, adoptaranse mediante a maioría simple (os votos afirmativos superen os negativos) dos socios presentes e representados*, que deberán estar ao corrente das cotas para poder exercer o seu dereito a voto.

*Os representados deberán entregar unha copia do seu documento nacional de identidade á persoa na que delega o seu voto e constarán en acta os datos persoais das persoas afectadas.

3.1 Para os casos de cese da Xunta Directiva, modificación dos Estatutos, alleamento de bens e disolución da sociedade será necesaria unha maioría cualificada (os votos afirmativos superen a metade).

3.2 No caso de empate, decidirá o voto de calidade do Presidente.

 

Artigo 18º.-

1.       Os acordos adoptados e validados conforme á Lei e ós Estatutos obrigarán a tódolos asociados, incluso ós non asistentes.

2.       O Secretario levará os acordos ó libro de actas e será asinado por el mesmo e mais polo Presidente, tras ser lida e aprobada polos asistentes.

 

Artigo 19º.- Para casos excepcionais, e a modo de evitar o desprazamento dos socios, poderá validarse a constitución dunha Asemblea Xeral Extraordinaria Telemática, afín de poder deliberar sobre unha serie de cuestións que precisen dunha votación urxente.

Este tipo de Asemblea será sempre convocada pola Xunta Directiva no foro web da Asociación de forma pechada, sendo válido un único voto por cada socio autorizado conforme a estes Estatutos. O voto será libre e segredo.

O Secretario informará da mesma ós socios e na mesma convocatoria informarase do procedemento e dos prazos válidos de votación; en todo o demais, seguirá o mesmo réxime disciplinario que as Asembleas Ordinarias e Extraordinarias.

O Secretario, unha vez rematado o prazo de votación, dará conta dos resultados obtidos e os acordos alcanzados, coa maior información posible.

 

Artigo 20º.- A Xunta Directiva é o Órgano con carácter colexiado que goberna, xestiona, administra e representa á Asociación ante os asociados e ante terceiras persoas ou entidades, baixo a supervisión da Asemblea Xeral.

 

Artigo 21º.-

1.       Os cargos da Xunta Directiva son voluntarios e se levarán a cabo de forma gratuíta; non obstante, poderán ser reembolsados os gastos e diminucións do patrimonio que, derivándose do exercicio dos seus cargos, sexan debidamente xustificados.

2.       A Xunta Directiva estará formada por un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un número indeterminado de vocais, en función das necesidades da propia Xunta Directiva.

3.       Os cargos da Xunta Directiva terán unha duración de tres anos e poderán ser reelixibles.

4.       A Xunta Directiva reunirase, ao menos, unha vez por trimestre e sempre que sexa convocada polo Presidente e/ou polo Secretario, ou cando o soliciten un terzo dos seus membros, tendo que concorrer, ao menos, a metade máis un dos seus membros para a súa validez.

5.       Os acordos da Xunta Directiva tomaranse por maioría simple dos votos, decidindo o voto de calidade do Presidente en caso de empate.

Artigo 22º.- As atribucións da Xunta Directiva son:

 

a)      Convocar e fixar a data das Asembleas Xerais, así como elaborar a orde do día das mesmas, de acordo o artigo 17.2º) dos presentes Estatutos.

b)      Presidirá todo tipo de acto social, debendo figurar, ao menos, o Presidente e o Secretario ou, no seu defecto por cuestións de forza maior, o Vicepresidente e vocais previamente elixidos polo Presidente.

c)      Segui-las directrices fixadas pola Asemblea Xeral.

d)      Propoñer o plan de actividades da Asociación á Asemblea Xeral, para proceder a súa aprobación, se procede.

e)      Programar e dirixir as actividades asociativas previamente aprobadas pola Asemblea Xeral.

f)        Poderá dirixir e organizar grupos de traballo de entre os socios para unha correcta organización das posibles actividades ou eventos da Asociación, discorrendo a información en estrito sentido vertical: Xunta Directiva – Secretario – Vocais – Socios e, viceversa.

g)      Determinar e redactar os contratos e acordos de colaboración ou traballo con outras entidades.

h)      Solicitar subvencións e outro tipo de axudas a Organismos Públicos ou Privados.

i)         En caso de urxencia, poderá modificar ou ampliar o plan de actividades, sempre que dito cambio resulte beneficioso para o conxunto da Asociación.

j)         Recibir e resolver provisoriamente as solicitudes de ingreso de novos asociados.

k)       Propor o importe da cota anual de socios a Asemblea Xeral, así como a fixación de cotas extraordinarias en caso de necesidade.

l)         Iniciar e resolver provisoriamente os procedementos disciplinarios que se instrúan.

m)    Administrar os fondos sociais e deliberar sobre a xestión administrativa, económica e comercial da Asociación.

n)      Someter a aprobación o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do exercicio anterior ante a Asemblea Xeral.

o)      Xestionar, supervisar e organizar a páxina web e os seus complementos, como poden ser os foros, blog, galerías, etc. Poderán censurar as imaxes ou comentarios que sexan pornográficos, insultantes ou agresivos, previa audiencia do socio afectado.

p)      Convocar, no momento que proceda de acordo ós presentes Estatutos, eleccións electorais para a composición da nova Xunta Directiva.

q)      Poderán outorgar poderes e nomear avogados e procuradores dos Tribunais que representen á Asociación en xuízos ou ante as distintas Administracións Públicas.

r)        Procurar dar a máxima transparencia posible nas súas deliberacións ou ás peticións expresas dos socios, sempre que estas últimas non intercedan na boa labor e xestión da Asociación.

s)        Poderá propoñer aqueles socios que, o seu xuízo, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación, polo que poderán ser obsequiados en forma de agasallo, en ningún caso en metálico, baixo a aprobación da Asemblea Xeral.

 

Artigo 23º.- Os membros da Xunta Directiva cesarán no seu cargo por:

 

1º) O esgotamento do período dos seus mandatos.

2º) falecemento da persoa física.

3º) A renuncia expresa, que deberá ser examinada e ratificada pola Asemblea Xeral.

4º) A iniciativa e acordo da Asemblea Xeral, de acordo có artigo 17º.-3.1.

 

23.a En calquera caso non será un cesamento automático, xa que os membros da Xunta Directiva anterior deberán facer un efectivo traspaso de poderes con entrega da documentación e posta ó día dos novos membros.

 

23.b As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, tratarán de ser cubertas provisoriamente por outros socios da Asociación, elixidos polos propios membros da Xunta Directiva de forma unánime, ata que os novos membros entrantes sexan validados, se procede, de forma definitiva pola Asemblea Xeral.

 

23.c No último caso (artigo 23º.-4º), a Asemblea deberá designar unha Xunta Provisional formada por o socio de máis idade como Presidente e o socio máis novo, debendo ser maior de idade, como Secretario.  Estes adquirirán temporalmente as responsabilidades conferidas polos presentes Estatutos, polo que serán os encargados de iniciar e xestionar o proceso electoral do que sairá unha nova Xunta Directiva.

 

Artigo 24º.- O Presidente ten as seguintes atribucións:

a)      Ostentará a representación legal da Asociación, actuará no seu nome e velará pola execución do conxunto dos acordos validados pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.

b)      Autorizará coa súa firma os pagos por conta dos fondos sociais, que previamente presente o Secretario.

c)      Asinará os documentos da Asociación xunto có Secretario, membro da Xunta Directiva ou socio, en función da fonte de elaboración do documento de que se trate. En calquera caso, asinará toda clase de documentos dirixidos a terceiras persoas ou entidades alleas a Asociación.

d)      Deberá presidi-las sesións que celebren, tanto a Xunta Directiva, como as Asembleas Xerais, debendo dirixir as deliberacións dunha e outra e decidir co seu voto de calidade en caso de empate.

e)      Visará tamén as actas das distintas sesións realizadas xunto có Secretario.

f)        Mediará e tratará de restablece-la orde nos casos de forza maior dentro de seno da propia Asociación.

 

Artigo 25º.- O Vicepresidente ten as mesmas atribucións có Presidente cando o substitúa por enfermidade, ausencia, vacante ou dimisión; e en todo caso, deberá asistir ó mesmo nas súas funcións cando este llo solicite.

 

Artigo 26º.- O Secretario ten o seu cargo a dirección dos traballos administrativos, o arquivo e a custodia dos documentos da Asociación.

 

1.       As súas atribucións son:

1º)    Organizar, formalizar e custodiar toda a documentación administrativa relativa á Asociación.

2º)    Xestionar a conta de correo electrónico principal da Asociación, sendo esta o punto de enlace para todo tipo de actividade.

3º)    Custodiar o apartado de correos de correspondencia ordinaria da Asociación.

4º)    Recibir e tramitar as solicitudes de ingreso na Asociación, así como levar o ficheiro e o libro rexistro de socios.

5º)    Expedir e custodiar todo tipo de actas das diferentes reunións realizadas e firma-las mesmas xunto có Presidente.

6º)    Notificar e facer chegar a tódolos socios, vía web e vía correo electrónico, as convocatorias de todo tipo de eventos, cunha antelación razoable, excepto para a Asemblea Xeral, que será como mínimo con 15 días naturais de antelación.

7º)    Notificar e facer chegar a todos ós socios, calquera tipo de información relevante no desenrolo da Asociación.

8º)    Xestionar o libro inventario dos bens adquiridos pola Asociación.

9º)    Recadar e custodiar os fondos pertencentes á Asociación.

10º) Dar cumprimento das ordes de pagamento, previamente asinadas polo Presidente.

11º) Levar a contabilidade de ingresos e gastos da Asociación, así como dos libros esixidos pola normativa vixente en materia de Asociacións.

12º) Elaborar o borrador dos orzamentos da Asociación, así como das contas anuais,que deberán ser presentadas ante a Asemblea Xeral, para a súa aprobación, se procede, na mesma.

13º) Todas aquelas tarefas non descritas con anterioridade, que se supoñan de índole administrativa ou económica, que non contradigan á Lei ou os Estatutos.

2.       Nos casos de ausencia temporal ou enfermidade do Secretario, o Presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función, ata que a situación recupere a normalidade.

 

Artigo 27º.-

1.       Os vocais terán carácter xeográfico, procurando abarcar todo o radio de acción da Asociación na Comunidade Galega, establecéndose preferentemente nas capitais de provincia, aínda que non de forma exclusiva.

2.       Constituirán, xunto co Presidente, Vicepresidente e Secretario, a Xunta Directiva, polo que terán as atribucións que correspondan a mesma, conforme o artigo 22ª dos presentes Estatutos.

3.       Poderán ser o punto de enlace entre os socios e a propia Xunta Directiva, atendendo as posibles propostas dos socios da súa zoa xeográfica.

4.       Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola propia Xunta Directiva, en virtude do artigo 22º.f).

TITULO IV

 

DO PROCESO DE ELECCIÓN

 

 

Artigo 28º.- A convocatoria de elección requirirá o previo acordo da Xunta Directiva, unha vez esgotado o período de tres anos de goberno ou cando esta sexa cesada no seu conxunto pola Asemblea Xeral, de acordo o artigo 23.4º).

 

Artigo 29º.- Da convocatoria e do proceso:

 

1º)   Dende a convocatoria ata o inicio do proceso electoral debe mediar como mínimo quince días naturais.

2º)   O proceso electoral dará comezo coa presentación das posibles candidaturas á Xunta Directiva, que terá a condición de Xunta Directiva en funcións.

3º)   As candidaturas deberán conter como mínimo un Presidente, un Vicepresidente, un Secretario e un número indeterminado de vocais. Poderán tamén crea-la figura do Tesoureiro, minimizando, por conseguinte, as funcións do Secretario.

4º)   Toda candidatura debe axuntar un proxecto ben definido, cun plan de acción para executar ó longo da lexislatura, onde deberán constar as actividades ou eventos a desenrolar.

5º)   A Xunta Directiva en funcións, en virtude do artigo 21º.3) poderá presentar a súa reelección.

6º)   As candidaturas que non conteñan os requisitos mínimos descritos nos apartados 3º) e 4º) deste artigo, non poderán ser aceptadas ata que se corrixan as faltas ou erros existentes. Sobre este feito, a Xunta Directiva en funcións dará conta ós interesados para que liquiden as posibles continxencias.

7º)   Soamente poderán presentarse ás candidaturas os socios que se encontren ó corrente dos pagos.

8º)   Pasados trinta días naturais dende o inicio do proceso electoral, a Xunta Directiva en funcións, publicará e informará a tódolos socios das candidaturas presentadas ó mesmo tempo, mediante a publicación das mesmas no espazo web e, de seguido, convocará a correspondente Asemblea Xeral para proceder ás deliberacións e votacións por parte dos socios.

9º)   Pasados quince días naturais dende a publicación das posibles candidaturas, celebrarase a correspondente Asemblea Xeral, debidamente convocada con anterioridade, onde os socios votarán e elixirán a nova Xunta Directiva.

10º)A nova Xunta Directiva, validamente elixida, comezará a súa labor, en canto posúa toda a documentación da anterior Xunta Directiva, que ata dito momento tiña a condición de Xunta Directiva en funcións.

 

 

TITULO V

 

RÉXIME ECONÓMICO

 

Artigo 30º.-

1.       A Asociación no momento da súa constitución dispón dun patrimonio de cero euros.

2.       O peche do exercicio económico coincidirá có do ano natural.

3.       A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos.

 

Artigo 31º.- A Asociación manterase dos seguintes recursos:

 

1.       As cotas periódicas dos asociados, cuxa contía sexa aprobada pola Asemblea Xeral.

2.       As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola Asemblea Xeral. 

3.       As doazóns, axudas ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares. 

4.       Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación. 

5.       Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

 

Artigo 32º.-

1.       A Asociación levará unha contabilidade que reflicta a imaxe fiel do seu patrimonio, dos resultados e da situación financeira. Dita contabilidade atenderá a normativa contable vixente, conforme as normas específicas que resulten de aplicación.

2.       O límite do presuposto anual para cada exercicio verá fixado polos recursos dos que legalmente dispoña a Asociación, tendo a posibilidade de financiarse mediante calquera tipo de crédito, sempre que sexa aprobado pola Asemblea Xeral.

3.       O exercicio contable pechará o 31 de decembro de cada ano e as súas contas deberán aprobarse ou censurarse anualmente na Asemblea Xeral, dentro dos prazos sinalados nos presentes Estatutos.

 

Artigo 33º.- Para a disposición de fondos das contas que a asociación teña nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do Presidente e do Secretario. Non obstante, estes últimos, unicamente poderán realiza-las transferencias necesarias, como poden ser o pago de facturas dos provedores da Asociación ou dos gastos xustificados que teñan que ser reintegrados ós socios, para o correcto funcionamento da Asociación, para o cal disporán dunha firma electrónica bancaria que os autorice, respectando sempre o artigo 16º.-2.e) dos presentes Estatutos.

 

Artigo 34º.-

1.       Como entidade sen ánimo de lucro, baixo ningún concepto poderán ser distribuídos os beneficios obtidos pola asociación entre os asociados, salvo no recollido no artigo 22º.s).

2.       A baixa voluntaria dun socio non suporá a devolución da súa cota anual de asociado.

3.       Ós socios con baixa disciplinaria, ratificada en Asemblea Xeral, se lles devolverá a parte proporcional da súa cota de asociado.

 

Artigo 35º.- A Asociación disporá dunha relación actualizada dos seus socios e levará preceptivamente os libros, ou soporte informático equivalente, as actas, contabilidade, rexistro de socios e demais documentos dispostos pola lexislación vixente.

 

               

 

TITULO VI

 

DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

 

Artigo 36º.- Son causa de disolución da Asociación as referidas no artigo 39 do Código Civil, por sentencia xudicial ou polo acordo maioritario cualificado dos socios reunidos en Asemblea Xeral para dito fin.

Neste caso, deberase nomear unha Comisión Liquidadora na mesma Asemblea, que facultará ó representante legal, outorgándolle os poderes necesario.

Dita Comisión terá as seguintes atribucións:

 

1º)    Velar pola integridade do patrimonio da Asociación.

2º)    Cobrar os debedores da Asociación no seu caso.

3º)    Finalizar as operacións pendentes e realizar as operacións necesarias para a liquidación.

4º)    Liquidar o patrimonio e pagar ós acredores da Asociación no seu caso.

5º)    Determinar o destino do patrimonio sobrante, o cal destinarase a algunha organización non gobernamental e cuxo xustificante entregarase no Rexistro de Asociacións.

6º)    Solicitar a anulación das anotacións nos distintos Rexistros de Asociacións, na Axencia Estatal de Protección de Datos, etc.

 

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA

 

Calquera tipo de notificación relevante, como son as convocatorias de reunión dos distintos Órganos de Goberno, ou actividades, como son as quedadas, os cursos, as exposicións, etc., faranse públicas no espazo WEB da Asociación e, ademais, remitiranse ó correo electrónico de tódolos socios, e no seu caso, dos simpatizantes.

 

 

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA

 

1º) O Socio de Honor non estará obrigado a satisfacer a cota de socio.

2º) O Socio de Honor poderá ser ou non profesional da fotografía.

3º) O Socio de Honor deberá ter algún tipo de vinculación cós fins da Asociación.

4º) A elección do Socio de Honor farase de forma unánime pola Xunta Directiva, que levará a súa proposta á Asemblea Xeral para a súa aprobación ou rexeitamento.

 

 

Dilixencia para facer constar que os presentes Estatutos quedan redactados conforme as modificacións acordadas na Asemblea Xeral de data 30 de Abril de 2010 e segundo o procedemento establecido nos seus Estatutos.

 

E para que conste os efectos oportunos firman a presente en Vigo a 3 de Maio de 2010 os membros da actual Xunta Directiva.