Pouco logo de dar o “pistoletazo” de saída na Biblioteca Municipal de Tui, comezamos a dispersarnos e perdernos polas estreitas e angostas rúas do casco antigo desta pintoresca vila do sur de Galicia, declarada conxunto histórico artístico en 1967. Un casco antigo de estilo medieval, dominado por grandes desniveis, xa que se asenta sobre unha ladeira que descansa aos pés do Río Miño. Foi capital dunha das sete provincias do antigo reino de Galicia, por iso é polo que abundan as casas nobres e blasonadas. Cabe destacar unha muralla do s. XII que rodea a vila, a Igrexa de San Telmo (único exemplar do barroco portugués de Galicia), así como a capela da Misericordia, concibida nos seus inicios para dar refuxio e sepultura aos indixentes.
A Catedral de Santa María de Tui, dos s. XII-XIII, domina este conxunto histórico e fusiona os estilos románico e gótico. No seu interior merece a pena visitar o claustro e a Torre de Soutomaior, aínda que lamentablemente non podemos dar mostras diso, xa que se nos impediu o uso dos nosos tan queridos trípodes en situacións como esta, onde a luz brilla pola súa ausencia, sumado ó feito de que se esixe o pago dun donativo para poder visitar devanditas zonas, algo que non nos sucedeu en ningún dos monumentos relixiosos visitados pola nosa Asociación ata a data.
A continuación dirixímonos cara aos Muíños de auga do Folón e do Picón, sitos no municipio de O Rosal. Trátase dunha serie de construcións de pedra, que datan dos s. XVII-XVIII, dispostos en fervenza un sobre outro, sobre un desnivel duns 75 metros de altura. Aínda que, antes de iniciar esta ruta de gran pendente no seu tramo final, realizamos unha pequena parada para comer e repor forzas de face ó esforzo que nos esperaba máis adiante.

A súa existencia neste emprazamento de notable beleza paisaxística, crese que se debe á influencia dos monxes do Mosteiro de Santa María de Oia. Algúns destes muíños pertencían ós veciños, en réxime de propiedade comunal, outros eran particulares ou compartidos por varias familias, aínda que tamén os había arrendados.
Grazas á forza das augas que baixaban polo monte, empregábanse para os labores de moenda do millo e o trigo, así como para a realización de liño e la. Aínda hoxe en día é posible distinguir as marcas dos carros nos camiños de pedra que chegan ó lugar.
A metade da tarde, continuamos o noso camiño cara ó municipio de A Guarda, onde a responsable de turismo, Rosalía Verdes, esperábanos para realizar unha pequena visita guiada. Comezamos esta no Porto, dada a importancia que ten a actividade pesqueira desde outrora e, que hoxe en día, segue constituíndo unha das principais fontes de ingresos desta belísima vila, que se caracteriza polas típicas casas mariñeiras, estreitas, de gran altura e colorido. Pero non só a pesca de baixura é importante, senón que a flota guardesa de altura do peixe espada está considerada como unha das máis importantes de todo o país.
A continuación dirixímonos cara ó Monte Trega, que cunha altura de 341 metros, é un espectacular miradoiro do estuario e desembocadura do Río Miño, así como da costa bañada polo inmenso Océano Atlántico, có pobo da Guarda ós seus pés. Pouco antes de chegar á cima, realizamos unha pequena parada para visitar o importantísimo poboado castrexo-romano, de grandes dimensións, aínda que a día de hoxe calcúlase que soamente se escavou un 10% de todo o asentamento. Estímase que tivo o seu maior esplendor ao redor do s. I. a.C e que foi abandonado o s. I d.C. Os castros presentan maioritariamente formas circulares, contaban cun vestíbulo no que se atopaba habitualmente o forno e unha cuberta vexetal.

Para más información, pódese visitar http://www.aguarda.es/index.php?option=com_content&task=view&id=59&Itemid=127
Xa para terminar, é o noso desexo agradecer toda a dedicación e interese mostrado polo Concello da A Guarda e, en especial, á técnica de Turismo, Rosalía Verdes.
En breve, poderase visitar a galería de imaxes no seguinte apartado http://www.phosgalicia.org/web/Galeria_Phosgalicia
Por Xandro Barberena.